FICHA TÉCNICA

Granada CF 0-0 RC Celta

Aliñación Granada CF: Rui Silva, Foulquier, Vallejo, Domingos Duarte, Montoro, Neva, Fede Vico, Machís, Kenedy, Herrera e Luis Suárez.

Aliñación RC Celta: Rubén, Hugo Mallo, Murillo, Araújo, Aarón Martín, Tapia, Fran Beltrán, Brais Méndez, Nolito, Iago Aspas e Santi Mina.

Árbitro: Del Cerro Grande

Campo: Estadio Novo Los Cármenes

ANÁLISE

Volveu Iago Aspas, pero o Celta segue sen conseguir unha vitoria. Ante o Granada, un empate a cero nun partido disputado. Ambos equipos tiveron ocasións importantes, aínda que ningún foi quen de anotar.

No primeiro tempo, os celestes controlaron o balón, pero non houbo moitas oportunidades de gol. Fran Beltrán realizou un potente lanzamento dende a frontal da área que deteu Rui Silva. Despois, Brais Méndez e Nolito tiveron sendos contragolpes. Con todo, non conseguiron finalizalos con claridade. Pola súa banda, o Granada intentou poñerse por diante con ocasións destacadas de KennedyFede Vico e Foulquier, que deteu Rubén con grandes paradas.

No inicio da segunda metade, o Celta tivo unha oportunidade importante nun bo lanzamento de Nolito que desviou Domingos Duarte. Acto seguido, os granadinos tiveron un arranque de enerxía. Foulquier Machís puxeron en apuros a Rubén, que volveu salvar ó seu equipo. No minuto 60 entraron ó terreo de xogo Augusto Solari (por Nolito), que debutaba no Celta, e Jordan Holsgrove (por Fran Beltrán). Ata o final, os celestes xa parecían conformarse co empate e intentaron que as internadas do Granada non causaran maior perigo.

Este partido en xeral deixa boas sensacións, pero segue a estar presente a preocupación pola falta de gol aínda que volvera Aspas. O moañés volveu amosar a súa intensidade e aguantou os 90 minutos. O vindeiro encontro é contra un rival de entidade, o Atlético de Madrid (8 de febreiro). Nel veremos se os de Coudet conseguen mellorar para retornar á senda da vitoria.

highlight_image

Fotografía: La Liga Santander