Emevé-CV Ourense

No primeiro set os inicios foron igualados ata que o Emevé, apertando en saque, lograba facerse cunha cómoda diferencia chegado o 12-6. Nun set inicial marcado polos erros de ambos equipos, as lucenses levaron a iniciativa no marcador chegando a ter oito puntos de vantaxe (18-10), e pese a que as ourensás lograron achegarse con Rebeca Kruse no saque ata o 20-18, un punto de ataque de Laura Villasante sacou ás de Lugo do estancamento para rematar o set 25-20.

O segundo comezou de novo apertado, con empate a 4 puntos ata que o Emevé, moito máis seguro, atopaba o seu xogo e mostrábase intratable tanto en ataque como en bloqueo, chegando ao 14-5 no luminoso cunha racha de saques de Laura Villasante. A madrileña liderou ás súas en ataque para pechar o set 25-14 a pesar dos esforzos das ourensás, que pouco puideron facer ante a solidez do xogo local.

A terceira manga arrincou con moi baixa intensidade de xogo por parte de ambos equipos, con empate a 5 tantos nos incios, ata que de novo as lucenses espertaban para levar a iniciativa en ataque. 

Os problemas en recepción pasaban factura ao CV Ourense, que vía como o Emevé marchaba no marcador ata o 14-8. Entón, con Patricia González ao saque e Rebeca Kruse na rede o conxunto visitante reducía distancias ata o 16-14 e a partir de aí, cun gran traballo defensivo o CV Ourense chegaba a tutear ao equipo de Lugo na recta final. O Emevé tivo que suar a camisola para remontar nun emocionante final de set o 20-22 e convertilo, cun gran ataque de Irene Yañez, no 25-23 final que certificaba o seu pase á gran final da tarde.

 

Ás 12.00 horas comezaba a segunda eliminatoria da xornada. En cancha dous equipos da mesma categoría, Superliga2 e moi similares en nivel e capacidades. 

Nun principio parecía que a igualdade ía a ser a tónica do partido, ata o punto 5, a partir do cal o Fisiomás Zaleta comeza a coller vantaxe ata poñerse 12-6. As de Teis, que botaban en falta a dous puntais básicos do seu xogo ofensivo como son Sara Urrea e Federica Farabegoli (ausentes na cita), non eran capaces de reaccionar ante o bó facer das coruñesas en funcións tanto técnicas como tácticas, e cedían finalmente 25 a 16.

No segundo set os inicios parecían axustar as forzas con empate a 3 no marcador ata que unha boa racha de saque do Zalaeta as colocaba por diante 8-3. Cun xogo moi completo o equipo coruñés seguía liderando 8-12, ata que o conxunto de Teis comeza a poñerse á súa altura no traballo defensivo. Así, con moito esforzo, as viguesas logran acurtar distancias e apoiadas no ataque de Lucía Pérez e Loreto Nuñez empatan a 17 tantos. Con Aída Pérez ao saque logran poñerse por diante por primeira vez no encontro, 19-17 e a pesar da reacción das herculinas, que apertan no marcador, as do Xuvenil conseguen o empate a 1 co 23 a 25 e levan a emoción á segunda eliminatoria da Copa Galicia.

Pero pouco durou a ledicia das xogadoras olívicas, porque no terceiro set o Zalaeta volvía a coller o mando do encontro, anotando amplas vantaxes (20-9) que chegaron aos trece tantos de diferencia final, no 25 a 12 que pechaba a manga.

O cuarto e último xogo foi un calco do anterior, co Zalaeta moi sólido en todas as facetas, rematando moi ben tanto polo medio como polas ás cunha Alba Quirós moi efectiva e coas viguesas incapaces de reaccionar e de minimizar os erros non forzados que as condenaban definitivamente co 25 a 14 que pechaba o encontro.

Comentarios