Elena Aragón reafirma o compromiso coas Guerreiras Laranxas

0
Foto: PRBFS

A gaditana Elena Aragón tamén acaba de reafirmar o compromiso laranxa para 2021-22 e convértese na cuarta renovación do Pescados Rubén Burela, con Dany, Cami e Sandra Buzón. As internacionais españolas Irene Samper e Elenita súmanse tamén ao proxecto no que continúan Ale de Paz, Leti, Jenny e Cilene.

A ala-pivote de 25 anos afronta a súa segunda tempada na Mariña con ganas de seguir medrando e sumar presenza nas rotacións: “Foi unha campaña excepcional non só polos títulos conseguidos senón pola evolución que experimentou o equipo ao longo da tempada; soubemos sobrepoñernos a todas as adversidades, tanto polas lesións coma polo Covid. O máis importante foi a fortaleza de grupo demostrada na recta final. Persoalmente foi un ano duro respecto aos minutos de participación, pero tamén foi un ano de moita aprendizaxe. Isto fai que teña aínda máis ganas de comezar unha nova tempada”.

“Preséntase de novo un ano moi bonito, con moitas competicións por diante. Este equipo ten que seguir loitando por todo, despregando o seu xogo e gozando sobre a pista, pero o máis importante, tamén facendo gozar a afección. A ver se esta tempada as condicións no lo permiten” verbalizaba así a 19 burelista a súa grande ilusión polo novo reto das Guerreiras Laranxas.