El Peixegalego quiere estrenarse en Granada

0
Foto: Pontevedra Viva

O Marín Peixegalego visita hoxe o Palacio de los Deportes de Granada (18.30) para medirse ao Covirán Granada. O equipo que dirixe Javier Llorente viaxa a chan andaluz despois de perder os dous primeiros encontros ligueiros contra o Valladolid (82-66) e o Cáceres (64-75). O obxectivo do conxunto da Raña é mellorar as prestacións das xornadas iniciais e ser máis competitivo na cancha dun dos candidatos a disputar o play-off polo ascenso.

O plantel marinense viaxou ao completo a terras granadinas. Tanto Joel Hernández como Juanchi Orellano puideron realizar algún adestramento durante a semana e desprazáronse cos seus compañeiros a chan andaluz para afrontar o encontro. As súas sensacións nos momentos previos ao partido serán as que determinarán se poderán participar no envite. Orellano padeceu unha escordadura de nocello no treito final da pretemporada que lle impediu debutar polo de agora nesta LEB Ouro, mentres que Joel Hernández está aqueixado de dores na zona lumbar que lle fixeron causar baixa diante do Cáceres.

O rival comparece á cita cun balance de unha vitoria e unha derrota. Bateu por 10, 68-58, a un dos aspirantes ao ascenso directo, o recén descendido Gipuzcoa, mentres que perdeu no treito final do duelo contra o Huesca (71-70). É o segundo equipo con menos puntos en contra, só por detrás do líder, Breogán.

Entre os seus xogadores destacan as contratacións do escolta bosnio canadiense Diego Kapelan, procedente do Melilla, e do cinco estadounidense Earl Watson, chegado do COB, aos que hai que unir xogadores cun amplo curriculum no baloncesto nacional, entre os que destaca o veterán ala pivot Guille Rubio, cun pasado notable na ACB.

O Covirán Granada é o mellor reboteador da liga (42,5 capturas por encontro), pero é o que menos balóns recupera da competición tras dous encontros (4/envite). O Peixegalego é o que máis balóns perde (15,5) e ao que máis faltas en contra lle sinalan (26,5). O granadino Earl Watson é o terceiro máximo reboteador da liga (10,5/encontro), mentres que Carlos Noguerol é o terceiro máximo asistente (7,5/partido).

Nota de prensa del Peixegalego