O Marín Peixegalego recibe este sábado ás 18.00 horas a un dos grandes favoritos ao ascenso á Liga ACB o B the Travel Band Mallorca Palma, nun partido que será retransmitido en directo pola G2 da Televisión de Galicia.

O equipo de Javier Llorente afronta a cita despois dunha semana na que a gran cantidade de problemas físicos polos que atravesaron os compoñentes do plantel mediatizou a organización do traballo e os adestramentos, ata o punto de que o corpo técnico debeu suspender algunha sesión.

A pesar diso, e das molestias polas que atravesan diferentes componentes do colectivo como Joel Hernández, Romone Saunders ou Juanchi Orellano, todos poderán estar a disposición do  técnico leonés para afrontar un dos duelos máis esixentes da temporada. No caso do base arxentino (Juanchi Orellano), será o retorno ao equipo despois dunha semana de descanso para recuperarse da escordadura de nocello que leva condicionando o seu xogo desde o principio da temporada. A única ausencia será a de Alex Mazaira, aínda recuperándose da operación abdominal á que se viu sometido.

O cadro de Marín acode ao partido cun balance de unha vitoria e sete derrotas, a última delas no desprazamento a Melilla da semana pasada, onde o cadro marinense volveu ofrecer unha boa imaxe por momentos que non foi de abondo para poder ter opcións de triunfo ata os últimos minutos do encontro, o que levou a un marcador que non reflectiu o bo traballo que fixo o equipo durante moitos minutos.

A escadra da Raña buscará a protección da súa afección para intentar sorprender ao bloque balear. Nos últimos enfrontamentos como locais, os azuis foron quen de complicar o triunfo ao Gipuzkoa, de poñer contra as cordas ao Leyma Basket Coruña, ao que dominou no marcador durante tres cuartos, e de derrotar ao Canoe.

Para vencer, o Peixegalego deberá minimizar os erros defensivos e manter un nivel de acerto elevado durante gran parte do partido, xa que enfronte terá a un bloque que acode á sesión con seis triunfos consecutivos que o confirman como un dos principais candidatos ao ascenso. De feito, o cadro mallorquín alcanzou a final polo ascenso a pasada campaña e só o Bilbao o privou do salto de categoría. A ambición do seu proxecto demóstrase no investímento realizado para compoñer un dos planteis máis contrastados de Ouro, con dous xogadores de calidade por cada posto e unha interminable rotación con infinidade de homes de calidade. As baixas de Stainbrook (dous ascensos consecutivos a ACB nas dúas últimas campañas) e do lucense Erik Quintela non serán un impedimento para un bloque no que destacan homes como Bropleh (ao igual que Stainbrook, logrou o salto de categoría con Breogán e Betis nos dous cursos mais recentes). Pero ademais, brillan algunhas pezas con experiencia en ACB, como Chema González (ex do Fuenlabrada), Johan Löfberg (internacional sueco que militou no Breogán) e, sobre todo, Xavi Rey (internacional español, medallista europeo absoluto en 2013 e home cunha calidade sobrenatural baixo o aro).

O Mallorca leva seis triunfos consecutivos que o aúpan a terceira praza da táboa. É a segunda mellor defensa da categoría e o segundo conxunto que mellor rebotea en defensa.

Llorente intentará plantexar un partido cun elevado nivel de intensidade defensiva e de concentración para reducir as opcións do rival e para logralo confía na mellora das súas pezas. O técnico confía no crecemento das súas pezas interiores, sobre todo do último en chegar, John Carroll, que vai acoplándose semana a semana á nova liga e aos sistemas do conxunto.

Nota de prensa del Peixe Galego