El Canoe, nuevo escollo para un Peixegalego necesitado de victoria

0
Foto: Pontevedra Viva
  • O Marín Peixegalego recibirá o domingo ás 12.30 horas no Pabillón da Raña ao Canoe no partido correspondente á sétima xornada de LEB Ouro.

O equipo dirixido por Javi Llorente buscará o seu primeiro triunfo da temporada fronte a un bloque madrileño que está á alza nos últimos tempos. O conxunto marinense amósase máis competitivo xornada a xornada e estivo a piques de sorprender ao Basket Coruña o mércores pasado, pero un mal final de partido e o acerto de Blackwell nos minutos da verdade acabaron dándolle o triunfo aos herculinos por unha diferenza excesiva tendo en consideración o que sucedeu sobre o parqué durante a meirande parte do enfrontamento.

O técnico Javi Llorente poderá contar por fin con John Carroll. O ala-pívot irlandés, que asinou por dous meses coa entidade do Morrazo, dispón xa do transfer internacional para poder debutar coa escadra de Marín.

Durante a charla aos seus xogadores, Javi Llorente incidiu na importancia dos pequenos detalles para poder sumar triunfos e ensalzou o crecemento manifestado polo colectivo. “Este é o camiño”, expresoulle o preparador leonés aos seus homes para poñer en valor a clara mellora das últimas semanas.

O Peixe xa compite contra os seus adversarios, pero a falta de frescura nos últimos intres do duelo pola falta de rotacións e baixa porcentaxe nos tiros libres están a pesarlle coma unha lousa.

Para o envite dominical, o adestrador leonés non poderá contar con Juanchi Orellano, que recaeu da súa lesión de nocello e podería verse obrigado a descansar durante varios días.

Ademais, Romone Saunders será dúbida ata a mesma mañá do partido, debido a un forte golpe no muslo que sufriu no último partido ligueiro. Ningún dos dous se exercitou hoxe.

Enfronte, o bloque de Javi Llorente atopará a un contrario en crecemento, entre semana derrotou con claridade ao Peñas Huesca despois dunha serie de cinco derrotas contras os mesmos adversarios contra os que se medira ata a data o Peixe, xa que recibe aos rivais que na xornada anterior se mediron ao bloque de Marín.

Ámbolos dous bloques mergullados na zona baixa da táboa, afrontan o duelo como unha batalla pola permanencia.

O equipo dirixido por Miguel Ángel Aranzabal non ten un claro líder no apartado estatístico, pero dispón dunha gran variedade de recursos e de homes capaces de encestar desde diferentes posicións da cancha, o que lle esixirá ao bloque marinense unha máxima atención defensiva en tódalas posicións para poder aspirar ao triunfo.

Nota de prensa del Marín Ence Peixegalego