Foto: Carlos Domarco

Ficha Técnica:

Pabellón CF (0): Alberto, Martínez, Víctor (Iker, m.84), Yago, Civile (Marco, m.68), Coello, Iker Baltar (Juan, m.62), Parrilla, Anxo (Marcos, m.68), Osián e José.

CD Calasanz (1): Borja, Xenxo (Jorge, m.46), Berto, Ricoy, Enrique, Mouro, Diego (Miguel, m.62), Hugo, Iago (Alejandro, m.76), Pablo (Sergio, m.56) e Pedro (Miguel, m.46).

Goles: 0-1, m.57: Berto.

Árbitros: Adrián Estévez Blanco, do Colexio de Ourense. Amonestou nos locais a Osián, Marco e Yago, que vería o segundo cartón amarelo sendo expulsado (m.86). Enrique e Mouro foron amonestados nos visitantes.

Incidencias: Partido correspondente á quinta xornada de liga no Grupo 1A da División de Honra Xuvenil disputado no Campo Miguel Ángel – Os Remedios de Ourense.

 

O Pabellón, que presentaba as baixas por lesión de José Ramón e Aarón, caeu 0-1 nos Remedios nun partido onde na primeira parte os dous conxuntos, con estilos moi diferentes, tiveron unha ocasión por cada lado para adiantarse no marcador.

A do Pabellón foi nun disparo de Iker Baltar que petou no pao e a do Calasanz foi nunha acción de Hugo para bater a Alberto pero o gardameta local resolveu a situación cunha boa intervención cando se xogaban os últimos instantes do primeiro acto. sen movementos no marcador chegaríase ao descanso.

 

Na segunda metade os de Cándido Gómez sairon bastante mellor que na primeira e pronto chegarían dúas accións claras de perigo de forma consecutiva. Na primeira unha boa internada de Anxo pola banda dereita acabaría cun centro sobre a liña do área pequena que remataría José coa testa obrigando a Borja a lucirse. No posterior saque dende o curruncho e tras unha serie de rechaces novamente José dispuxo dunha excelente ocasión que neutralizaría o meta coruñés.

 

Gol visitante

Aos doce minutos chegaría o tanto dos visitantes. Sería como consecuencia dunha falta lateral tan innecesaria como clara por un exceso de confianza á hora de resolver a acción. O seu lanzamento foi rematado por Berto cunha pasmosa libertade a escasa distancia da meta de Alberto. Con este marcador adverso as cousas puxéronse moi difíciles para os pabellonistas, que ata ese momento non estiveran moi precisos e faltos de presenza nas bandas.

 

O técnico local daría entrada a novos efectivos para buscar máis actividade polos carrís e situou ao central Yago como «9» nato na búsqueda do empate. A entrada de Juan Muiños na esquerda serviu para activar máis esa parcela e nunha acción súa un centro acabaría nos pés de José, que disparou fóra cando xa se cantaba o gol.

A posterior lesión de Civile obrigou a novas variantes na zaga local nunha fase na que o partido vivía un ir e vir dunha a outra área pero cos branquiverdes a remolque no marcador e polo tanto máis presionados. Pero as cousas puxéronse máis feas cando Yago viu o segundo cartón amarelo deixando aos seus en inferioridade numérica no tramo final. O Pabellón quixo pero non puido e o Calasanz defendeu con uñas e dentes o marcador para levarse finalmente os tres puntos.

A xornada

Os partidos da quinta data da competición deixaron estes marcadores: RC Celta 1-2 RC Deportivo, ED Val Miñor 0-0 Ural CF, CD Choco 3-0 Racing de Ferrol, CD Conxo 1-1 CD Lugo e Pabellón CF 0-1 CD Calasanz. Os pabellonistas suman 4 puntos e na próxima xornada visitan ao Racing de Ferrol.