Duelo de contrastes no derbi irmandiño da Bomboneira

0

O Pescados Rubén Burela FS recibe este sábado ao Cidade das Burgas, na xornada 19 de Primeira, cun duelo de contrastes, entre a segunda praza mariñá e a antepenúltima ourensá. O espectáculo de derbi irmandiño, que arrincará ás 17.00 horas, tamén poderá seguirse en directo por TVG2.

As Burgas recalará na Bomboneira con 11 puntos na súa cuadrícula. Coa estrea de 2020 está vivindo o seu mellor momento, subindo 6 puntos, ante Xaloc Alicante (2-1) e, a semana pasada, Zaragoza (3-1). ?É un rival cun xogo moi particular, de balóns aéreos. Temos moitas posibilidades de quedar cos tres puntos pero non hai que esquecer que é un derbi; neste tipo de partidos, con moita emoción, pode pasar de todo, as forzas equilíbranse máis e non podemos contar cun resultado antes de xogar”, advertía a meta Jozi, tras recuperar a solidez defensiva o sábado ante Majadahonda (0-2): “Estamos contentas ao recuperar a portería a cero nun partido difícil. Con todo, aínda estamos tratando de volver ter a nosa mellor versión, nos últimos encontros custounos; trátase de seguir traballando para saír do partido totalmente contentas, en todas as facetas”.

O cadro de Julio Delgado e Lucas completará a semana de preparación con sesións esta tarde e mañá pola mañá en Vista Alegre. Para o sábado non estarán na convocatoria de novo nin Peque nin Ana Romero, por lesión. Formará parte da lista a meta do Comarcal A Fervenza FSF Lucía Paz.


A liga dá paso á Copa

Tras o enfrontamento galego, as Guerreiras aparcarán a liga para centrarse en cuartos da Copa da Raíña, co desprazamento á pista do Leganés Masdeporte, o sábado 8, ás 19.15 horas (La Fortuna). No regreso da competición regular, o sábado 15, as mariñás repetirán destino e rival, coa xornada 20. “Temos claros os nosos obxectivos; temos que seguir co camiño de vitorias en liga e continuar dando pasos en Copa. Queremos ir a Madrid para clasificarnos para a fase final da Copa. A nosa meta é gañar todo lo que viene” apuntaba Jozi.