Dúas pratas e cinco bronces galegos, no Open de España categoría sénior

0

 

Iván García (-87, Mat ́s) acadou a medalla de prata tras perder na final contra Daniel Ros (10-5). O galego fixo unha espectacular competición. Eliminou en primeira rolda ao croata Dinko Segedin (4- 12) e nos cuartos tiña como rival ao catalán Alex Mas, contra o que perdera hai un par de semanas na semifinal do Campionato de España sub 21. Nesta oportunidade o galego foi mellor (5-7) e logrou o pase para as semifinais, onde se atopou con Hanssell Llanos, de Estados Unidos, ao que superou por un apertado 7-6.

A segunda prata galega foi para Pablo Fernández Eiras (Mat ́s) no peso pesado. Venceu no primeiro combate a Mohamed Gannoun (Marrocos) por un contundente 17-6. Na semifinal tiña como rival ao francés Omar El-Yazidi, medallista europeo. Pablo sentiuse moi cómodo e dende o principio estivo por diante no marcador, para rematar vencendo por 6-10 e lograr o pase á gran final. Anthony Obame (Gabón) era o rival na final cun curriculum espectacular: Prata nos Xogos de Londres e campión do mundo en 2013 e bronce en 2015. Comezou mandando Eiras, pero Obame impuxo a súa veteranía nos instantes finais para remontar, con varios golpes de puños. Gran traballo do galego.

 

 

Rubén Troitino (-80) acadou a medalla de bronce tras vencer a Ibrahim Serroukh (España) na primeira rolda (1-0, punto de ouro). En cuartos enfrontouse á Víctor García, con triunfo claro para Rubén (8-2) e na semifinal perdeu contra Raúl Martínez (12-4). Martínez foi o ouro no Open de España.

José Fernández (Natural Sport) volveu subir ao podio no peso de – 74 quilogramos, despois de facelo no Open de Holanda hai unhas semanas. José gañou o primeiro combate fronte a Ekaitz Berrade (Navarra) por 7-8, e nos cuartos se enfrontou a Carlos Mallo (Suh Sport) ao que eliminou por 1-11. A semifinal foi contra o australiano Jack Marton e caeu nunha apertada competencia (10-7).

Manuel Parada (-68, Natural Sport) sumou un bronce máis para a delegación galega. Parada gañou o primeiro combate fronte ao iraní Hasanein Khafaji por 30-16. No segundo enfrontouse ao francés Shannon Petit e volveu vencer por 15-17, e nas semifinais caeu fronte a José Antonio Rosillo por 14-9.

En -62, Katia Calvar (Mat ́s) segue sumando podios. A galega venceu no primeiro combate á checa Adriana Simankkova de forma moi clara (10-0). Nos cuartos cruzouse con Olivia Robles (Madrid) e tamén acadou un triunfo amplo (3-11). Na semifinal tiña de rival á croata Ivanna Babic e non puido con ela. A croata logrou o triunfo final no Open.

Laura Lorenzo (Tao) logrou o bronce en -46 quilogramos con triunfo na primeira rolda fronte á estadounidense Shelby Bourgeois (9-11). Despois atopouse con outra galega, Ruth Tilve, e venceu a máis veterana por 2-0, e así logrou o pase para as semifinais. Na semifinal esperaba a francesa Hajer Mustapha, que venceu fácil á viguesa para posteriormente proclamarse campioa do Open de España.