Presentación da XI Marcha BTT no Concello de Monterrei. Asisten Rosendo Fernández (VicePresidente da Deputación), Jose Luis Suarez (Alcalde de Monterrei), Diego Matías (Coordinador da proba) e Kiko Calviño (Presidente da BTT Verín).
  • A Deputación de Ourense colabora con esta proba deportiva que se celebrará o vindeiro domingo, 1 de setembro.

A XI Marcha BTT de Monterrei ofrecerá aos participantes, o vindeiro domingo, 1 de setembro, dous posibles percorridos de 62 e 42 quilómetros, de dificultade media-alta e de dificultade media, respectivamente. A presentación desta proba deportiva tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; o coordinador da proba, Diego Matías; e o presidente do Club BTT de Verín, Kiko Calviño.

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que pretende «fomentar o deporte da bicicleta, dar a coñecer os recursos naturais e a importancia da súa conservación, dinamizar a comarca e concienciar á xente dos beneficios que ten o deporte para a saúde», dixo Rosendo Fernández.

Pola súa parte, o alcalde de Monterrei agradeceu á Deputación de Ourense a súa «colaboración permanente» para poder desenvolver actividades lúdico-deportivas e animou á xente a visitar o municipio de Monterrei que nesta fin de semana «ofrece un amplo e atractivo programa cultural e deportivo, co concerto de Luar na Lubre, o venres; as visitas teatralizadas no Castelo, o sábado; e con esta marcha BTT, o domingo».

A proba, que comezará ás 9.30 horas, discorre por pistas veciñais e camiños rurais de diferentes localidades do municipio. «Ambas rutas solápanse durante unha parte do percorrido que pasa tamén polos municipios de Oímbra, Verín e Portugal», sinalou Diego Matías, quen explicou que as rutas están deseñadas para «poñer en valor os recursos culturais e naturais do concello e da comarca».

Os interesados en participar poden anotarse en sportmaniacs. Os prezos da inscrición son de 15 euros para as rutas longas e curtas con xantar incluído, e 12 euros para os acompañantes, e de 5 euros para as rutas longa e curta pero sen xantar.

Nota de prensa de la Deputación de Ourense