Oito medallas. Dous ouros, tres pratas e tres bronces; este foi o botín da selección galega de técnica e freestyle na primeira xornada da President ́s Cup de poomsae e freestyle de adultos, que se está a celebrar esta fin de semana en Sindelfingen (Alemaña).

O trío feminino sénior 2, formado por Noelia Pérez, Vanesa Ortega e Sonia Pérez (todas do Hebe), acadou a primeira posición e logrou desta forma un ouro que as clasifica pola porta grande para o Europeo de Turquía. Igual que Eirim Vaamonde (Yidam-CEIP Balaídos), que subiu ao máis alto do podio en freestyle individual de máis de 18 anos. Neste podio tamén estaba a deportista do Tao,Celia García, que logrou a medalla de prata. Así que, gran protagonismo galego e dobre clasificación para o Europeo.

Ademais houbo dúas pratas máis en técnica. En sénior 1, Raquel Guillén (Tao) acadou a medalla de prata, igual que Sonia Pérez(Hebe) en máster 1, polo que ambas subiron ao podio e celebraron a súa clasificación europea.

E tamén lograron o pase para este campionato os protagonistas dos tres bronces galegos: Alejandro Losada Rodríguez (Neka) logrou a terceira posición en sénior 1, mentres que Alejandro Losada e Raquel Guillén (Tao) foron bronce en parella 1 e Samuel Alves (Tao) logrou subir ao terceiro chanzo do podio en freestyle máis de 18 individual.

Mañá continúa a President ́s Cup e esperamos que a loita polas medallas dos nosos deportistas.

 

Children.

Na President ́s Cup for children, que tamén se está a celebrar en Alemaña, tocoulle debutar a Mateo Boudjenane (-45, Boudsport), quen quedou as portas das medallas facendo un gran campionato.

O noso representante librou na primeira rolda e na segunda tivo que enfrontarse ao grego Panagiotis Mpelos Polimos ao que superou por 18-13. Posteriormente o galego eliminou a Illia Kucheriavyi (Ucrania) por 13-7 e chegou así aos cuartos de final. Na loita por meterse en medallas esperaba Angelos Mylonas (Grecia), que logrou vencer ao noso deportista nun combate moi axustado que se decidiu no último asalto (6-4). Magnífico o papel de Mateo, cadete de segundo ano, na que foi a súa primeira saída internacional.

O domingo será a quenda para Anxo Vidal (-33, Natural Sport), Samuel Meilán (-49, Tao), Sergio Troitiño (65, Mat ́s), Myriam Pérez (-44, Tao) e Iago Mella (-57, Natural Sada).