Dolorosa derrota do Celta ante o Madrid (1-3)

0

FICHA TÉCNICA

RC Celta 1-3 Real Madrid

Aliñación RC Celta: Iván Villar, Hugo Mallo, Murillo, Araújo, Aarón Martín, Tapia, Denis Suárez, Brais Méndez, Nolito, Iago Aspas e Santi Mina.

Aliñación Real Madrid: Courtois, Varane, Nacho, Mendy, Casemiro, Kroos, Modric, Valverde, Lucas, Vinicius e Benzema.

Goles: 0-1, min. 20 (Benzema). 0-2, min. 29 (Benzema). 1-2, min. 40 (Santi Mina). 1-3, min. 93 (Asensio)

Árbitro: Melero López

Campo: Estadio Municipal de Balaídos

ANÁLISE

O Celta pagou o seu mal inicio do primeiro tempo cunha derrota ante o Real Madrid. Os brancos comezaron con intensidade e Benzema anotou dous goles antes da media hora. Antes do descanso Santi Mina recortou diferencias. No segundo tempo os vigueses seguiron intentándoo, pero Asensio puxo o 1-3 no desconto.

No inicio do partido os de Zidane atopábanse moi cómodos, controlando o balón. Ata que, no minuto 20, Benzema anotou o primeiro para o Madrid cun tiro cruzado. Nove minutos despois, Tapia perdeu unha pelota no medio do campo que recolleu Kroos. O alemán asistiu a Benzem, que anotou o segundo da tarde. Aínda así, o Celta tivo algunhas ocasións de Santi Mina, unha das máis claras foi de tacón, que non entrou por pouco. Pero pouco antes de rematar o primeiro período o dianteiro vigués si conseguiu marcar. Puxo o 1-2 cunha asistencia de Denis Suárez. A continuación o Celta tivo uns bos minutos, con todo non se conseguiron materializar en goles. Nolito estivo a piques de marcar o segundo.

Na segunda metade o Celta intentouno máis. Tiveron o balón en diferentes momentos e tamén puxeron en apuros ao Madrid. Aspas realizou un lanzamento dende a frontal que deteu Courtois coas puntas das súas luvas. Aínda así, os visitantes levaban perigo á área celeste a través das contras. Despois, Aspas tivo outra ocasión de falta que petou no longueiro. Con todo, a xustiza non estaba do lado do Celta, e no desconto, Asensio puxo o definitivo 1-3.

Tras esta derrota dolorosa o Celta ten por diante dúas semanas de descanso polo parón de seleccións. O vindeiro encontro será o domingo 4 de abril ante o Alavés, de novo ás dúas da tarde. É necesaria unha vitoria para que este equipo volva alcanzar o seu mellor nivel.

highlight_image

Fotografía: LaLiga Santander