Foto: PRBFS

O Pescados Rubén Burela terá o inmenso privilexio de gozar este sábado dun día histórico, con dobre título en xogo.

A xornada abrirase en Vista Alegre como flamante sede da Supercopa de España ás 12.00 (Teledeporte) co duelo irmandiño entre as Guerreiras e o Poio Pescamar.

Pola tarde, ás 17.00 horas (TVG2), os pupilos do Mariskal saltarán á pista de Narón para pelexar pola súa segunda Copa Galicia ante o Noia Portus Apostoli. Sen ningunha dúbida será unha festa non só para a Familia Laranxa senón para o fútbol sala galego.

“Será un día moi bonito, con dobre reto de título por diante. Estamos todos moi ilusionados”, explicaba a Jozi, que sabe moi ben o que significa gañalo todo co Pescados Rubén Burela FS nestas once tempadas defendendo a rede mariñá. En Narón, tamén estará outro dos baluartes burelistas, Edu, pletórico por vivir este gran día: “É un momento moi importante para o club e para o deporte da Mariña, estamos ás portas de dous novos títulos que outorgarían máis prestixio á nosa entidade”.

Jozi, que xa puido estremecerse, soñar e vibrar co grande ambiente de final no mausoleo laranxa tanto en Copa de España como en Copa da Raíña, pelexará nesta ocasión pola terceira Supercopa para a vitrina do Pescados Rubén: “É un desexo feito realidade, volver pelexar por un título en Burela. Por segunda vez na nosa historia, despois de 2012-13, temos a oportunidade de conseguir un triplete».

«Oxalá este ano quede na casa e oxalá poidamos contar con público” explicaba emocionada a brasileira ante unha cita que repetirá o elenco e protagonismo do Martín Carpena, no que as Guerreiras revalidaron a Copa da Raíña hai tan só unhas semanas cun axustado 1-0: “Poio virá con moitas ganas de xogar e de desquite. Será a súa segunda final por un título. Nós tamén estamos moi ilusionadas e sobre todo enchufadas para defender o noso trono e poder conseguir a terceira Supercopa” adiantaba a 1 laranxa.

Co corazón a mil despois do que promete a pugna entre Pescados Rubén e Poio na Bomboneira, a Copa Galicia agárdanos, co regreso de Edu á súa localidade natal: “É sempre moi emocionante volver á casa.

Vivirémolo ao grande, aínda que é unha mágoa que a situación sanitaria non permita poder gozalo como antes desde a bancada”, explicaba o capitán mariñán, que despois de poder celebrar o ascenso a Primeira da escuadra laranxa e conquistar a Copa Galicia en 2018-19, agora buscará o segundo galardón irmandiño: “Esperamos un duelo bonito, contra un rival que coñecemos moi ben e que está a facer unha excelente tempada, un dos candidatos ao ascenso a Primeira” advertía Edu, dun equipo con Luisma, Pope ou Álex Pérez como antigos burelistas.

Confiando no traballo, a ilusión e a entrega da filosofía laranxa, todos agardamos poder gravar o 9 de xaneiro de 2021 como un novo día histórico para o deporte da Mariña e de Galicia. Jozi e Edu ultiman detalles, con plena concentración e desexando o mellor para ambas as escuadras: “Sería xenial empezar 2021 con dous títulos para a Familia Laranxa” confesaban ambos os porteiros.