Co esixente listón das cinco medallas acadadas o pasado ano, a ‘armada’ galega de bikers presentarase este domingo na localidade xienense de Cazorla para participar no Campionato de España de Cross Country Maratón (XCM) 2019. Entre os 1.200 inscritos haberá dez corredores que competirán coas cores da Selección de Galicia.
A aliñación do combinado autonómico compóñena o sub23 Estefan González, as elites Susana Alonso e Lara Lois, os elites Javier Busto e Brandan Márquez, o máster-30 Fernando Guerra, as máster-40 María Teresa Barreira e Ana González, o máster-40 Alejandro Trasbach e o máster-50 Francisco Xavier López Cedrón.
Os títulos estatais poranse en xogo no Maratón BTT Sierra de Cazorla, que na súa décima edición dispútase nun esixente trazado de 83 quilómetros e 2.800 metros de desnivel positivo acumulado. Os bikers terán que superar sete ascensións entre as que destacan a subida a El Chorro (12 km. ao 4,9% de media), ao Gilillo (2 km. ao 13,7% de media) e ao Arroyo Amarillo (5,1 km ao 6,5% de media). A saída darase ás 9:30 horas.
Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo