A Selección de Galicia estivo a piques de subir o podio este domingo na carreira júnior masculina do Campionato de España de ciclismo de estrada celebrado en Llucmajor. Miguel Ángel Mera conseguiu o quinto posto no esprint dun pelotón de 40 unidades co que se decidiu o título. O santiagués foi a baza final do combinado autonómico tras unha destacada actuación do conxunto dirixido por Guillermo Sande. Manuel Rodríguez tamén entrou no pelotón de 40 unidades que se xogou o título ao esprint. Sabela Rey, 36ª na proba júnior feminina.

O valenciano Juan Ayuso, que a vindeira temporada correrá no UAE Team Emirates profesional, defendía en Mallorca a coroa lograda no 2019 e os seus compañeiros de selección exerceron un control férreo da carreira. O combinado laranxa non permitiu que ningunha escapada gozara de máis de 1 minuto de vantaxe durante as catro voltas a un circuíto de 33,6 quilómetros.


Os corredores galegos estiveron en todo momento moi atentos e ao inicio da última volta Gianni Iannelli intentou sorprender ao pelotón saltando xunto ao navarro Adrián Losarcos e ao catalán Daniel Caviá. A diferenza deste terceto non chegou a superar os 20″. Unha vez que a fuga da que formaba parte o ciclista do Ciudad de Pontevedra foi absorvida, a Comunitat Valenciana seguiu neutralizando ataques ata que na subida a Randa, o punto máis esixente do percorrido, o grupo de cabeza quedou reducido a unha vintena de unidades.

Outros vinte ciclistas conectaron no descenso que conducía á meta e Galicia chegou á recta final con dous representantes entre os 40 corredores que ían resolver o campionato ao esprint. Ayuso cumpriu os prognósticos revalidando o título, Mera meteuse na ‘volata’ asinando a quinta posición e Manuel Rodríguez ocupou a 31ª posición.

Dando tempo ao segundo grupo que cruzou a liña de meta finalizou Martín Rey, no posto 41º a 57 segundos do gañador, mentres que Miguel Rodríguez (75º) e Iannelli (78º) tamén completaron o trazado de 134 km.

 

Carreira feminina

Un desenlace similar viviuse na carreira júnior feminina. Eva Anguela (Madrid) impuxo a súa punta de velocidade na recta final despois de dar dúas voltas e media ao circuíto. Por parte galega, Sabela Rey conseguiu o obxectivo de terminar a proba na súa estrea nun campionato estatal de ciclismo. A padronesa do Farto asinou a 36ª praza, a 5:21 da primeira clasificada da súa categoría.

En canto ás competicións máster disputadas o sábado, o mellor clasificado galego foi Iván Vidal. Bronce o día anterior na contra o reloxo individual, o ciclista do Máster da Louriña tivo que conformarse co sexto posto na táboa máster-40A. Tampouco puido repetir presenza no podio Damián Ramos, prata na CRI. O do Norinver rematou oitavo na cita de fondo. Lucindo as cores do seu mesmo equipo, Jesús López-Doriga fixo cuarto nos máster-60A.