Derrota do Celta ante o Madrid con lesión de Aspas incluída (2-0)

0
Foto: LaLiga

FICHA TÉCNICA

Real Madrid 2-0 RC Celta

Aliñación Real Madrid: Courtois, Mendy, Nacho, Varane, Carvajal, Casemiro, Kroos, Modric, Asensio, Lucas Vázquez e Benzema.

Aliñación RC Celta: Rubén, Hugo Mallo, Murillo, Araújo, Lucas Olaza, Tapia, Denis Suárez, Brais Méndez, Nolito, Iago Aspas e Santi Mina.

Goles: 1-0, min. 6 (Lucas Vázquez). 2-0, min. 53 (Asensio).

Árbitro: De Burgos Bengoetxea

Campo: Estadio Alfredo di Stéfano

ANÁLISE

O Celta comezou o ano da peor forma posible: unha derrota ante o Real Madrid, varios xogadores apercibidos de sanción, e Iago Aspas Nolito mancados. O primeiro gol de Lucas Vázquez nos primeiros minutos descolocou ós celestes, que non tiveron ocasións claras. No segundo tempo, chegou o segundo gol do Madrid, e o Celta xa baixou os brazos.

No inicio do partido, Aspas tivo unha boa ocasión de gol a pase de Nolito, que despexou Nacho baixo paus. Aínda así, xusto despois foi o Madrid o que anotou o primeiro por medio dun lanzamento de cabeza de Lucas Vázquez. O Celta tiña o balón, pero non ocasións, xa que os locais estaban a defender moi firmes. Antes de chegar ó tempo de lecer, Carvajal tivo outro tiro que saíu desviado por pouco.

Na segunda metade chegou outro punto importante do choque. Aspas lesionouse nunha acción con Nacho seis minutos despois de comezar, e xusto despois Asensio anotou o segundo para o Madrid. Máis adiante tamén saíu do campo Nolito, e entrou Baeza no seu lugar. Previamente entrara Fran Beltrán por Iago Aspas. Pero con estes escasos cambios e coa boa disposición do Madrid, o Celta xa non foi capaz de amosar moito máis. Só Baeza no desconto tivo unha oportunidade, pero non chegou o gol da honra.

As consecuencias desta derrota son a perda de Iago Aspas para, polo menos, os dous partidos da vindeira semana e a ausencia de Renato Tapia por acumulación de cartóns para o próximo partido ligueiro o venres. En canto a Nolito, o Celta informou que tamén ten unha lesión muscular e será sometido a unhas probas. Foi un partido para reflexionar e mellorar certos aspectos. Na Copa o martes veremos as caras novas no equipo de Coudet, queda por ver como resultan.

highlight_image

Fotografía: La Liga Santander