Foto: Rafa Fariña

O Marín Peixegalego afronta unha semana de dobre compromiso ligueiro na Raña. O conxunto marinense recibirá mañá á noite ás 21.00 horas ao Leyma Coruña coa intención de sumar o primeiro triunfo do curso. O equipo adestrado por Javi Llorente comparece na cita coa baixa  confirmada de Alex Mazaira, pero cos demais homes dispoñibles. Juanchi Orellano e Joel Hernández evolucionan positivamente das molestias que padecen no nocello e nas costas, respectivamente, a ademais de participar nos encontros, xa completan tódolos adestramentos ás ordes dos membros do corpo técnico azul.

O bloque continúa crecendo semana a semana e, a pesar da súa dinámica de cinco derrotas nos primeiros cinco partidos do ano, está cada vez máis preto de pelexar polo triunfo, como demostran os primeiros tempos que realizou contra o Gipuzkoa na Raña e o Huesca a domicilio.

O obxectivo do conxunto para loitar polo triunfo é limitar as lagoas de xogo que lle afectan en tódolos partidos para evitar canastras doadas dos adversarios, feito que está a lastrar as súas opcións de triunfo, e intentar prolongar durante a maior cantidade de tempo posible o nivel de acerto ofensivo exhibido nos primeiros vinte minutos de Gipuzkoa e Huesca.

O Peixe intentará fuxir da praza de pechacancelas da categoría fronte a un bloque, o Basket Coruña, que se reforzou recentemente coa chegada do base lituano Augustas Peciukevicius, chave no terceiro triunfo consecutivo dos herculinos (bateron a Almansa, Huesca e Castelló, sempre con encontros igualados).

O cadro coruñés destaca polo seu xogo coral e a profundidade do seu banco. Non dispón de ningún xogador que brille no apartado individual a nivel estatístico, pero dispón de homes que poden achegar puntos desde tódalas zonas da cancha.

Ámbolos dous equipos xa se mediron en partido oficial nesta campaña, nos cuartos de final da Copa Galicia, en fase de formación. O partido disputado na Raña produciu un triunfo a prol do Peixegalego.

Nota de prensa del Marín Peixegalego