Non era esta a ocasión máis propicia pra facelo, coa visita ao campo dun líder que consolida a súa candidatura en cada xornada e que construíu a súa cómoda vitoria ante os valdeorreses sobre os eixos da súa grande pegada arriba e unha eficacia na retagarda que sitúa o Rápido entre os equipos menos goleados das competicións nacionais, con só oito tantos encaixados nas dezaoito xornadas disputadas. 

 

Resultados y clasificación Tercera División Grupo I 

No comezo do partido xogado no Baltasar Pujales os locais marcaron a pauta, cuns quince primeiros minutos de intensa presión e acoso á porta barquense. Varela no min. 8 e Juanma no 11 con cadanseu lanzamento puxeron a proba o gardamallas Vicente, que respondeu á perfección. Estes primeiros compases, de fixación de posicións, foron de certa inseguridade na liña defensiva dos visitantes. Deste xeito, na primeira xogada elaborada completa do cadro vigués Juanma recibe o balón pola dereita, nas inmediacións da área e unha vez dentro dela consegue sacar un disparo raso e cruzado ao segundo pau, lonxe do alcance do porteiro valdeorrés pra facer o 1-0.

Pouco despois David Álvarez inténtao cun tiro dende a frontal pra levar o primeiro balón con perigo á porta contraria. Entre os minutos 25 e 26 vívense de novo momentos de apuro na área valdeorresa, primeiro nunha falta directa que Vicente desvía a córner e, a seguir, nun remate estrelado contra o traveseiro que logo vai botar por diante da liña de gol, sen atopar rematador. Segundo nos achegamos á media hora de xogo os vermellos van facendo posesións máis longas e, como resultado, tamén aproximacións que rematan en accións con perigo.

Nunha delas, no min. 34 o colexiado sinala falta ao bordo da área. David Álvarez vai botar o libre directo coa súa habitual mestría e o coiro acaba saíndo un chisco alto, na mellor ocasión dos valdeorreses nesta primeira metade. Logo o perigo volta á área contraria, cando no min. 39 unha boa combinación dos vigueses pola banda esquerda finalízaa de volea Pereira, obrigando o porteiro Vicente a sacar unha espectacular man á altura da mesma cruceta. Anotamos outra chegada local antes do descanso, sen consecuencias por mor do erro no remate.

 

O paso polos vestiarios pareceu sentarlles ben aos de Rey e os primeiros vinte minutos da segunda metade vimos o seu cadro mellor asentado, levando a iniciativa. Aínda sen ocasións claras, o balón roldaba a área local con aproximacións e saques de esquina. E nestas, cando mellor pintaba a cousa pra os de Valdeorras, chegou a xogada que, pra nós, ía marcar o rumbo do que lle faltaba ao encontro. No min. 65, cando o adestrador barquense xa tiña disposto o primeiro cambio nas súas filas, un balón longo dos locais en profundidade provoca a lóxica tirapuxa entre Loza e Tomás por gañar a posición, co resultado da caída do dianteiro vigués dentro da área e a sanción (discutíbel) coa pena máxima.

Esta acción provocou o anoxo e a protesta do banco valdeorrés, ao non atender previamente o trío arbitral a solicitude do troco de futbolistas, cando o xogo estaba momentaneamente detido na banda. O lanzamento do penalti execútao Pablo Carnero, subindo o 2-0 ao marcador e deixando un panorama ben complicado pra o equipo vermello. Despois chegarían movementos no banquiño, coa entrada de Álex, Diego Tato e máis tarde Brais, buscando maior mobilidade e armas de ataque, mais a defensa local practicamente non deu opción.

Os de Patxi Salinas xogaron despois cómodos, a velas vir, e aínda farían un disparo axustado á base da portaría de Vicente no min. 75. Pola súa parte os valdeorreses dispuxeron de dúas novas ocasións, aínda que sen moito perigo: novamente un disparo de David Álvarez, o máis incisivo cara á porta contraria, e un remate de cabeza de Javi Ballesteros que se foi desviado. No treito final, coas liñas barquenses botadas moi arriba na procura dun gol que se resistía máis da conta, chega unha boa xogada do Rápido, que con tres pases longos supera unha defensa desarborada e Diego Diz bate a porta defendida por Vicente, facendo o definitivo 3-0 no min. 86.

O golpe final que, ademais, poñía unha vantaxe no marcador superior ao que apuntara o desenvolvemento do partido. Na derradeira acción do encontro Vicente impúxose nun man a man co dianteiro e evitou o cuarto tanto local, renda que xa sería un botín totalmente desmedido pra o visto sobre o terreo de xogo.

 

Fuente y foto: Xavier R.A./CD Barco

Comentarios