Foto: João Fonseca

O calendario portugués de estrada 2020 estreouse este domingo coa Prova de Apertura e nas estradas da rexión de Aveiro houbo unha destacada representación galega. Entre todos os ciclistas da nosa comunidade que tomaron a saída en Albergaria-a-Velha, o mellor clasificado foi Daniel López. O corredor coruñés, que se atopa sen equipo, obtivo a décima posición na liña de meta de Vagos.

Despois de 181,3 quilómetros de percorrido, o estremeño Alberto Gallego (Rádio Popular-Boavista) venceu en solitario con 18 segundos de vantaxe sobre un pelotón no que Daniel López meteuse no esprint polo podio. O ex do Burgos-BH demostrou que está en forma mentres agarda a chamada dun conxunto profesional.

volata final provocou pequenos cortes no pelotón. A 4″ dos máis rápidos rematou o vigués Roberto Mediero, actual campión de Galicia Elite, asinando a 25ª praza no bautizo do seu novo equipo, o Louriña Cycling Team. Pola súa parte, o valdeorrés Fernando Lopes (Gios-Kiwi Atlántico) e o vilagarcián Gustavo César Veloso (W52-Porto)  concluíron 21″ máis tarde, ocupando a 39ª e a 59ª posición respectivamente.

No caso de Veloso, esta competición foi a primeira no seu camiño cara a Volta a Portugal, un obxectivo que comparte co estradense Alejandro Marque (Tavira), 70º nesta cita. A Prova de Apertura tamén contou coa presenza das estruturas galegas elite e sub-23 Aluminios Cortizo e Team Cycling Galicia.

Clásica de Almería

Ao outro lado da península ibérica disputouse a Clásica de Almería e o único ciclista da nosa comunidade que participou nesta carreira pertencente ao circuíto Pro Series foi Martín Bouzas (Kern Pharma). O de Rois, no seu primeiro ano como profesional, terminou 102º, a 1:40 do vencedor Pascal Ackermann (Bora).

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo