Nota de prensa de la Federación Gallega de Voleibol

  • O pasado fin de semana do sábado 13 e domingo 14 de abril celebráronse en Pontevedra e Boiro, as Fases Finais Autonómicas Infantís feminina e masculina respectivamente. Foron os equipos anfitrións, CVP Gómez Lor Multiópticas e Jealsa Boiro, os que finalmente levantaron o título de Campións Galegos 18/19 en dous vibrantes e igualados torneos.

O primeiro en resolverse foi o título feminino, que arrincou o sábado ás 10.00 horas no Multiusos A Xunqueira coa primeira semifinal entre CVP Gómez Lor Multiópticas e o Korbis Clínica Dental M. José Martín. As monfortinas plantaron cara ás favoritas pero pouco puideron facer ante a solvencia do equipo pontevedrés, que se asegurou a praza na final con parciais de 25-19, 25-16 e 25-22.

O outro finalista decidíase a continuación entre Emevé e Calasancias Coruña. As lucenses levaron o primeiro set 25 a 22 e o partido chegou á máxima igualdade no segundo asalto, que se decidiu nunha vibrante recta final 26 a 24 e decantou o xogo a favor do Emevé, que remataba a fazaña levando o terceiro 25 a 18.

Na xornada da tarde o Korbis Clínica Dental M. conquistou o bronce ante o Calasancias nun choque que comezou igualado (26-24), pero que terminou por dominar o conxunto de Monforte con marcadores de 25 a 12 nos seguintes dous parciais.

A gran final chegaría a partir das 19.00 horas e non defraudaría. O primeiro en adiantarse foi o CVP Gómez Lor Multiópticas 25 a 17, pero enseguida respondían as de Lugo empatando no segundo 21 a 25. Neste toma e daca, foron as locais as que levaron con certa vantaxe o terceiro set 25-16, pero o Emevé seguía pelexando, e collía o mando do cuarto para devolverlles o parcial (16-25), empatar, e forzar o tie break. Na morte súbita, o CV Pontevedra non perdonou e deu o mellor de sí para facerse co título autonómico 15 a 8.

O domingo foi a quenda da categoría masculina, que arrincou na Cachada coa primeira eliminatoria entre Jealsa Boiro Voleibol e Emevé. Os anfitrións non perdoaron e aseguraron a súa presencia no pulso polo campionato en tres parciais moi claros de 25-16, 25-18 e 25-5.

Coa primeira praza decidida só faltaba por coñecer o rival dos boirenses na final, unha praza moi disputada entre Kinesiss Fisioterapia Oleiros e Korbis Queserías Prado. Os de Oleiros foron os primeiros en pegar co 25 a 17 do set inicial, pero no segundo reaccionaban os monfortinos para igualar a contenda poñendo o empate 22 a 25. Seguiu a igualdade nos seguintes dous asaltos, pero os coruñeses foron mellores nos momentos decisivos e sentenciaron 25 a 18 e 25 a 20.

O Korbis Quesería Prado quedaba así fóra da gran final infantil, pero tomaba a súa particular revancha fácendose co bronce do torneo ante o Emevé, nunha consolación igualada durante os dous primeiros sets (21-25/23-25) pero na que finalmente o Korbis collía o mando para sentenciar no terceiro cun claro 16-25.

Tampouco faltou emoción na final infantil masculina, na que o conxunto anfitrión, o Jealsa Boiro Voleibol entrou arrasando para facerse cos dous primeiros asaltos 25 a 17 e 25 a 13. Pero cando o partido parecía sentenciado, entrou na disputa o Kinesis Fisioterapia Oleiros, que se fixo co terceiro 20 a 25 e seguiu pelexando no cuarto pese a que, finalmente, era o Jealsa o que se proclamaba neste asalto Campión Galego 18/19 cun parcial de 25 a 20.

Os vencedores poderán asistir aos Campionatos de España da categoría, que serán do 15 ao 19 de maio, en Cartagena para o apartado masculino e Las Palmas de Gran Canaria para o feminino.