Na categoría masculina, comezou liderando a proba na natación Ismael López (Tríatlon Vilagarcía) cun tempo de 24.37. A dous minutos e medio saía da auga Cristóbal Dios (Tri-Penta Terras de Lugo) que comezou unha remontada espectacular na bicicleta, nun percorrido técnico e duro. Cristóbal logrou colocarse na primeira posición e cunha cómoda distancia, pero non se relaxou en absoluto e na carreira a pe aínda aumentou a distancia. Así o triunfo e o título galego foi para Cristóbal Dios cun tempo de 4:16:21, con Luis Alberto Paredes (Motobike Galaico) na segunda posición (4:26:05) despois dunha gran remontada. O terceiro posto foi para Ismael López (4:33:17).

Na categoría feminina, absoluta superioridade de Sonia Pariente, que defendía o triunfo do pasado ano. A triatleta do Rías Baixas non tivo rivais nunha proba na que loitou contra si mesma. Así, chegou a meta na primeira posición cun tempo de 5:00:33, mentres que segunda foi María Jesús Coya (Cidade de Lugo Fluvial) cun tempo de 5:23:58 e bronce para Mónica Alarcón (NoSportLimit).

No 113 Swim Ride Run os máis de 150 participantes realizaron 1.900 metros de natación na praia de Silgar; 90 quilómetros de ciclismo (con continúas subidas e baixadas) e remataron con 21 quilómetros de carreira a pe.

No tríatlon olímpico, cuns 100 deportistas inscritos, os vencedores foron Miguel Ángel Acosta (Cidade de Lugo Fluvial) cun tempo de 2:20:13 e Iria Campos, do Artrogal Tri-498, que parou o crono en 02:54:05.

 

Comentarios