O Pescados Rubén Burela FS afrontará este luns o primeiro compromiso oficial, retomando a XXIX Copa Galicia. Será co partido de volta de semifinais ante O Parrulo FS (20.15 horas, A Malata), no terceira proba dos de Juanma Marrube esta pretempada. “As sensacións dos primeiros partidos foron boas. Atopámonos bastante ben e agora que xa empeza a competición esperamos estar tamén á altura nesta cita oficial”, explicaba Álex Diz, autor dun dos tantos da vitoria ante Noia Portus Apostoli (4-5) desta semana.

Os mariñáns parten coa vantaxe 5-3 de Vista Alegre daquel 25 de febrero, na ida: “Somos dous cadros completamente diferentes; os dous temos reforzos. Nós imos con vantaxe no resultado pero non debe servirnos para darnos tranquilidade; este tipo de partidos sempre son moi complicados e máis en pretempada”, advertía o 20 laranxa, reflexionando sobre a última cita, coa que a escuadra de Burela recolleu o primeiro triunfo de tempada, despois da estrea ante Palma (2-3). “Noia é un equipo de Segunda pero ten xogadores con experiencia en Primeira. Foi un partido rifado, con iso xa contábamos. Ao final a lectura foi positiva en canto ao traballo na pista, sensacións e resultado” analizaba o lugués dun partido certamente especial no que coincidiu con seu irmán, Antonio Diz, como rival.

A cita irmandiña abrirá unha semana de dobre compromiso e co grande aliciente do inicio ligueiro, o sábado ás 18.30 horas, en Vista Alegre, coa visita de Jimbee Cartagena: “Estamos desexando que comece a liga. Temos que ir pouco a pouco, porque levamos moitos meses parados, pero por fin comeza o bonito e temos que empezar ben, seguindo con estas boas sensacións de pretempada, para ir dando pasos dende o primeiro minuto” confesaba o ala.

O Mariskal poderá dispoñer de todo o vestiario a excepción de Giasson, que aínda non puido estrearse de burelista por unha lesión muscular, e Eto’o, cunha contusión nun xeonllo sufrida durante un adestramento da semana.