Compos 1-1 Pontevedra / Reparto de puntos nun gran derbi

0
Celebración Gol Samu vs Pontevedra. Foto: Amadeo Rey.

 

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2022.- Realizando un gran partido, a SD Compostela estreouse en 2022 empatando 1-1 contra o Pontevedra. Nun duelo igualado, que respondeu ás expectativas da previa, os nosos mantiveron a imbatibilidade do fortín e conseguiron ampliar a súa dinámica de encontros sen perder. Competindo contra todos, os branquiazuis seguen na parte alta da táboa.

Na contenda, aproveitando un roubo de balón, o Pontevedra adiantouse no luminoso no 21, cun zurdazo de Alberto Rubio dende a frontal. A vantaxe visitante foi neutralizada na segunda metade, mercé a un penalti que sacou Pablo Durán. Samu encargouse de executalo e de marcar o gol decisivo, no 56.

Cun ambientazo nas bancadas e unhas condicións espectaculares para a práctica deportiva, estreouse o Compos neste 2022 co Partido Cinco Estrellas, o derbi contra o Pontevedra co que se iniciaba a segunda volta. Tras máis dun mes sen competir, os branquiazuis buscaban retomar sensacións e manter a boa dinámica coa que pechara o ano anterior.

Despois duns minutos de tanteo, con ambos conxuntos querendo impor o seu estilo, o Compos máis dominador e o Pontevedra máis directo, abriuse o marcador, para os visitantes, na primeira acción de perigo.

No minuto 21, tras un roubo no centro do campo no que Samu reclamou falta, os granates lanzaron a Álex González pola banda, quen rozou o tanto cun zurdazo que pegou nos dous postes. Con todo, a sorte sorriu para os pontevedreses, xa que o despexe da zaga caeu na frontal a Alberto Rubio, este orientouna para a súa zurda e o seu disparo, axustado, acabou no fondo da rede, imposible para a estirada de Pato.

Reaccionando ao tanto, chegaron os mellores momentos dos compostelanistas, máis incisivos coa pelota para buscar zonas de perigo na armazón defensiva pontevedresa. Buscando os espazos nas bandas, os nosos tentaban abrir a defensa e atopar vías de auga. Aínda que non sen dificultades, comezouse a roldar a área de Cacharrón, con varias asistencias de Jimmy que non atoparon rematador.

A máis clara chegaría no 38, cando nunha xogada rápida levada pola esquerda, trala apertura de Pato, Jimmy atopou a Fer Beltrán no bordo da área, este decidiu cedela para Durán e o disparo do de Tomiño marchouse arriba.

Con todo, tamén inquietarían os visitantes antes do intermedio, nun córner no que Brais Abelenda atopouse cun rexeite na área pequena, pero enviouna de volea por encima do traveseiro. Así, chegaríase ao descanso co 0-1.

Á volta dos vestiarios, cos mesmos protagonistas sobre o verde, a SD Compostela saíu decidida a pola meta de Cacharrón. Aínda que lle custaba zafarse da presión arriba dos visitantes, en canto atravesaban o centro do campo, conseguían achegarse á zona de castigo e así foi como, no 62, acabaría atopando o éxito nun pisotón por detrás de Víctor Vázquez sobre Pablo Durán, penalti.

Dende o once metros, Samu asumiu a responsabilidade e cravouna nas mallas. Lanzou centrado e arriba, enganando por completo ao porteiro.

A alegría do gol era o que necesitaba a bancada para virse arriba e iso contaxiou ao equipo que foi a por máis. A pesar de que Brais Abelenda avisou cun gol anulado por fóra de xogo, o Compos tivo a súa cando Parapar, no 69, atopou espazo pola lateral da área, buscou o lanzamento cruzado, pero Cacharrón atrapou con moita seguridade.

O gardameta luciuse nesa acción, pero máis aínda o fixo Pato, tres máis tarde. Os granates conectaron con Rufo por dentro, a punta plantouse no man a man, pero o porteiro uruguaio sacou o pé para evitar o gol, e no rexeite, cunha estirada milagrosa, sacou o disparo de Charles.

A pesar diso, a última sería para o Compos, cun lanzamento de falta de Matías, no 79, que saíu rozando a escuadra.

Por tanto, o derbi, tras unha dura batalla, acabou en empate 1-1, idéntico resultado que na primeira volta. A SD Compostela suma deste xeito un gran punto no fortín, onde non coñece a derrota, nun duro encontro e tras máis dun mes sen competir. Trala estrea do 2022, os nosos irán a por máis a próxima fin de semana contra o Palencia.

FICHA TÉCNICA:

1- SD COMPOSTELA: Pato; Saro (Roque, m.81), Álvaro Casas, Matías, Jimmy; Samu (Rafa Mella, m.65), Fer Beltrán, Jordan (Primo, m.58); Pablo Durán (Parapar, m.58), Salado (R. Baleato, m.65) e Josiño.

1- PONTEVEDRA CF SAD: Cacharrón; Seoane (Santi Figueroa, m.10), David Soto, Víctor Vázquez, Samu Araujo (Rufo, m.67); Miguel Román (Javi Rey, m.76); Alberto Rubio (Romay, m.76), Yelko Pino, Brais Abelenda (Martín Diz , m.76), Álex González; e Charles.

GOLES: 0-1: Alberto Rubio, min.14; 1-1: Samu (p.), min.56.

Árbitro: Rodríguez Recio (Madrid). Expulsou a Fer Beltrán (min.91) por dobre amarela. Ademais, amoestou a Jordan, polo Compos; e a David Soto, Víctor Vázquez, Miguel Román, Romay e Álex González, polo Pontevedra.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Xornada 18 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 1400 espectadores. Antes do inicio, Pablo Antas recibiu de Mahou, patrocinador do encontro, o trofeo que o acredita como Xogador Cinco Estrellas da Primeira Volta do Compos.