Competir ao máximo nivel para seguir gañando

O Compos visitará este domingo Pardellas para un duro derbi contra o Coruxo no que tentará seguir sumando de tres.

0
Los jugadores del Compos celebran un gol de Gabri. Foto: Amadeo Rey.

 

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021.- A SD Compostela visita este domingo (16.15 horas) o Campo de Pardellas, en Ponteareas, para afrontar un duro derbi contra o Coruxo FC, no que buscará a súa terceira vitoria consecutiva. Os branquiazuis, con confianza, humildade e moita ilusión, tentarán competir ao máximo nivel para lograr os tres puntos.

En rolda de prensa, Rodri destacou a importancia de ir preparados para un partido difícil, no que será vital dar a cara e mostrar a mellor versión do Compos.

Parte médico. As baixas son Jimmy, que segue o seu proceso de recuperación, e Jordan. En principio, a idea que temos é poder contar con todos, salvo eles. Con Jordan, os prazos tenos que ir marcando el e as sensacións que teña. Sen saber moito do tema, cóntanme que ten un edema óseo e iso vai a medida que se vaia absorbendo e, sobre todo, as sensacións que vaia tendo. Temos gañas de que se reincorpore ao grupo, pero queremos ser prudentes porque eu vivín esta lesión cando xogaba e estiven, practicamente, nove meses parado. Agardamos, evidentemente, que non sexa iso, pero hai que darlle tempo, confianza e seguir traballando con el para que se recupere canto antes.

Fondo de armario. Dende o primeiro momento, detectei que o nivel grupal era bo, creo que temos máis número que outros anos. Intento ser xusto cos xogadores, despois hai gustos persoais, pero estou a tentar poñer no once, primeiro, aos que o merecen e despois aos que creo que están mellor para o plan de partido. Hai moitas veces que se puidese metería a trece ou catorce futbolistas, porque creo que o merecen, e téñoos que deixar fóra. Estou encantado coa implicación, co compromiso de todos os xogadores e o que teño que tentar é mantelo así porque ao final os beneficiados imos ser todos.

Momento de dar os descartes. É desagradable, porque tiven a sorte de que ata o día de hoxe ningún se mereceu quedar fóra. Si que é desagradable, pero é parte do meu posto, creo que eles tamén o entenden, aínda que me gusta que se enfaden, porque iso é que queren máis, que queren xogar e desfrutar de minutos. O importante é que ao longo da tempada sexamos quen de manter esa implicación en todos, porque iso vai repercutir na competencia diaria e no rendemento os domingos.

Inicio do Coruxo. Outros anos custoulle arrincar e fixeron tempadas moi boas, e este ano pásalle un pouco parecido. Ves o plantel e paréceme moi bo, un equipo ademais moi equilibrado. Despois ves os rivais contra os que xogou e, seguramente, pasou a parte difícil do calendario, polo que para nada creo que estean aí a final de ano, porque é un equipo moi competitivo e seguro que o vai a demostrar.

Potencialidades do rival. Por unha banda, teñen experiencia, xogadores que saben do que vai isto, que os partidos duran noventa minutos e que saben moverse en distintos escenarios. E, polo outro lado, teñen mocidade, que lles dá ambición e velocidade, con Martín Rafael, Chiqui, Sandá e Gandoy, que o están facendo moi ben, ou Aarón. Paréceme unha conxunción boa de xente veterana con experiencia e xente nova, e seguramente necesiten tempo. Con todo, nestas categorías, a liña entre o tempo e o nerviosismo é moi fina. Por iso, temos que ir preparados para saber que será un rival moi complicado, que nos coñece perfectamente, igual que nós creo que máis ou menos os coñecemos a eles, e que imos ter que enfrontarnos a un rival moi duro.

Plan de partido. Seguir na mesma liña, ao final, o que se trata é de ir competindo en base ao que facemos ben e tamén das dificultades que tente meterche o rival. O que digo sempre, máis aló do resultado, que quero gañar, o que me gusta é que o equipo, alá no campo no que esteamos, xa sexa na casa ou fóra, que compita ben. Estamos a preparar o partido para unha serie de comportamentos e oxalá nos salga ben, que teñamos ese chisco de sorte e poidamos competir ao nivel que estamos capacitados.

Pardellas. O Campo de Pardellas non o coñezo fisicamente, non estiven alí, aínda que si vin os vídeos. Entendo que están a facer todo o posible para que estea o mellor posible, porque así me consta das imaxes, e en canto a dimensións, paréceme máis grande que O Vao. Con todo, ata que esteamos alí non saberemos exactamente como está, pero, en calquera caso, o Coruxo vai tentar telo o mellor posible porque a eles tamén lles convén.

Últimas vitorias. Dende o primeiro momento, penso, ninguén dentro do vestiario tivo dúbidas. Creo que estamos a traballar ben, tentamos adaptar un pouco a nosa idea, un pouco os plans de partido e ata os modelos de xogo, aos xogadores que viñeron novos, que teñen as súas virtudes e os seus defectos, e a partir de aí estamos a traballar niso. Creo que o plantel cre no que está a facer, o corpo técnico igual e imos tentar día a día traballar ben para poder demostrar os domingos do que somos quen, e iso poñeranos máis arriba ou máis abaixo.

O mes de novembro. Máis ou menos, voume fixando no que vén dúas ou tres semanas despois e vénnos un mes de novembro difícil. O importante é, e así vai ser, que os xogadores vaian nun bo nivel de xogo e de forma. Temos que afrontalo con valentía, con humildade e con moita ilusión. Temos que saír a gañar cada partido, tentar competir ao noso mellor nivel e despois hai outra serie de factores que van dicir se somos quen de gañar ou non. En calquera caso, temos que saír aos campos a dar a cara, a dar o noso mellor nivel e, nese caso, saír coa cabeza alta.

Marxe de mellora. Aínda falta. Como dicía antes, teño unha idea de xogo, gústame o fútbol dunha determinada maneira e, evidentemente, tívenme que adaptar un pouco ás características dos xogadores que viñeron. Hai cousas que me gustan, sobre todo o tema de ser verticais, a verticalidade que creo que gañou o equipo este ano; pero si que no xogo máis posicional, creo que temos que seguir mellorando.