Cloe Iglesias suma o segundo bronce para Galicia na Copa Presidente

Segundo bronce galego na 3ª Copa Presidente de Europa, que se celebra do 25 ao 29 de abril en Atenas (Grecia). Nesta oportunidade a premiada foi a cadete Cloe Iglesias (Patiño) que logrou a medalla de bronce en -59 quilogramos. Ademais, acadou a clasificación para o Europeo cadete. Tamén participaron Vanesa Roo, que chegou ata os cuartos de final; Sara García (caeu en segunda rolda) e Iván García (perdeu en primeira).

0

Na categoría cadete, Cloe Iglesias (-59, Patiño) comezou co bo pe a Copa Presidente que se celebra en Atenas. A súa primeira contrincante foi a italiana Alice Baliva. Foi un combate axustado e táctico que Cloe decidiu con solvencia cunha acción arriba (5-3, para a galega). Na segunda rolda esperaba a rusa Anastasiia Aksenova, que librara na primeira eliminatoria. E a galega foi moi superior. Mandou dende o inicio no marcador, aínda que no primeiro asalto estivo un pouco máis apertado. A partir de aí, a galega puxo un pouco máis de ritmo e marchouse no marcador con facilidade (16-2).

Nos cuartos de final Cloe vence a Anna Lobashova (Rusia) por 7-5 e logra así garantir unha medalla e ademais a clasificación para o Europeo cadete. Cloe foi por diante durante todo o combate, pero no segundo asalto, Lobashova logrou empatar. Pero a galega non perdeu a calma e cun ataque á cabeza da rusa logra a vitoria.

En semifinais a rival foi a Lauren Larocca (USA) quen impediu a clasificación para a final da nosa deportista (12-6). No primeiro asalto Cloe ía por diante, pero no segundo Lauren logrou, primeiro empatar e nos instantes finais dese segundo asalto, adiantou no marcador á galega. E non terceiro, a estadounidense agrandou a distancia e non foi posible remontar. Larocca foi a campioa da President Cup.

Tamén na categoría cadete Vanesa Roo (-37, Natural Sport Riveira) comezou o campionato contra a grega Lydia Pingou, unha rival de máis envergadura. Pero Vanesa estivo espectacular, liquidando esa diferencia de altura con accións continuadas. Así, foi sempre por diante no marcador para pechar o combate cun 14-10 ao seu favor. No seguinte combate Vanesa venceu a Kamila Gostenkova (Rusia) de forma absolutamente maxistral (30-14). Foi por diante durante todo o combate con moita claridade, con accións combinadas de peto e casco.

En cuartos de final a rival era unha española, Elsa Hernández, que fora bronce no Europeo cadete. E nesta oportunidade, Vanesa non puido gañar e quedou as beiras dunha medalla e da clasificación para o Europeo. Elsa amosou a súa “veteranía” (experiencia internacional) e despois dun primeiro asalto nivelado, logrou impoñerse con facilidade. Magnífico traballo da galega!

A sénior Sara García (-57, Dobok) gañou o primeiro combate á italiana Aurora Pinti, pero caeu en segunda rolda ante a turca Hatice Kübra Ilgün (ouro na Universiada 2017 e prata mundial 2017) de forma moi clara e non puido seguir avanzando na competición.

O que non tivo sorte foi Iván García (-87, Mat’s) na categoría sénior. O galego caeu na primeira rolda contra o croata Iván Sapina. O noso deportista foi por detrás no marcador dende o primeiro asalto, con distancias curtas e sempre remontando. Pero no último, cando tiña que arriscar, o contrario logrou alcanzalo cunha técnica arriba e aumentou así o marcador, que xa foi imposible para Iván (14-8).

Este torneo é unha competición G-2 e clasificatoria para o Europeo cadete, Europeo sub 21 e Europeo Sénior. Todo isto supón a presenza de grandísimos taekwondistas en busca dos seus obxectivos. En total hai case 2.500 deportistas inscritos nas diferentes categorías (cadete, júnior e sénior).