Cinco medallas para o atletismo galego nos nacionais desta fin de semana

Cinco medallas foi o balance xeral colleitado polos atletas galegos e galegas nos dous Campionatos de España desenvoltos durante esta fin de semana.

0

Un dos primeiros metales correspondería ao atleta do Atletismo Friol Nemesio Gutiérrez quen lograba na localidade palentina de Velilla del Río Carrión a medalla de bronce na categoría M55 do Campionato de España da Trail Running de subida vertical. O lucense invertiría un rexistro de 1h.12:59.

Non moi lonxe de alí, en concreto a 160 km., tivo lugar outra importante competición na localidade cántabra de Oruña de Piélagos correspondente ao Campionato de Españade Media Marathon para as categorías absoluta e máster. A esta proba acudía un bo número de galegos e galegas con serios obxectivos tanto no terreo individual como na clasificación por clubs. Foi precisamente neste último apartado, na que as formación do ADAS Proinor, e como xa fixera o ano pasado, subía novamente ao podio para recoller o premio correspondente ao seu terceiro posto na categoría 45 e + e na que o seu atleta Ricardo Vázquez sería o mellor clasificado no sexto lugar. De igual modo o club Fisioterapia San Lázaro lograba o meso resultado na categoría master 35-44 con Rubén Pereira liderando o conxunto galego.

Na categoría femenina e no terreo individual, excelente unha vez máis Sole Castro do Comesaña quen lograba o título nacional na categoría F55 logo de lograr un crono de 1h.34:54. A segunda das medallas viría da man doutra das lendas do noso deporte, Julia Vaquero do Atletismo Trega, quen de igual modo, na categoría F50, subía ao podio na segunda posición cun tempo oficial de 1h.34:44