Cidade de Lugo Fluvial arrasou hoxe en Mar de Pulpí (Almería) no Campionato de España de Tríatlon de Relevos por Parellas, ao proclamarse campión de España tanto na categoría masculina coma feminina. Ademais, o Arcade Inforhouse foi prata na proba masculina. Este campionato foi a terceira xornada da Liga Nacional de Clubs de Tríatlon e tras sumar os resultados, dominio total galego. Cidade é líder nas dúas categorías, perseguido por Arcade Inforhouse na masculina e Tríatlon Ferrol, na feminina.

Cidade de Lugo Fluvial foi o gran protagonista en Mar de Pulpí. Na proba de mulleres, as galegas tomaron a dianteira tralo primeiro tramo a nado con Iria Rodríguez e Lucía Vergara, aínda que baixaron a correr co Ferrol e Diablillos e lograron entregar o relevo na segunda posición (por detrás do Diablillos). O segundo relevo foi a cargo de Saleta Castro e María Rico, que lograron escaparse na bicicleta e xa entregaron a última posta na primeira posición. O último relevo fixérono Liliana Alexandre e Sara Alemany, en cabeza de principio a fin.

O podio completouse con Diablillo de Rivas (a 49 segundos) e Saltoki Trikideak (3o). Ademais, hai que destacar a cuarta posición de Arcade Inforhouse e a quinta de Tríatlon Ferrol.

Na categoría masculina, o Cidade tivo como principal rival ao Arcade Inforhouse, que deu a cara ata o final. Así, o Cidade logrou o triunfo cun equipo formado por Antonio Benito e Andrés Cendán; Martín Cando e Tiago Lemos; e Pablo Dapena e Javier Lluch. O tempo final foi de 1:00:19. A segunda posición foi para o Arcade Inforhouse de Santiago (con Alejandro Cañas e Brais Canosa; Ignacio González e Pierre Stapley e Diego Paz e Alberto Castiñeira) cun tempo de 1:01:12. O Diablillos de Rivas completou o podio masculino a dous minutos e nove segundos do campión.

En Segunda División Feminina, triunfo do Náutico de Narón, cun equipo formado por Marina Castro e Marta Barbeito; Sara Guerrero e Ana Santiso e Paula Herrero e Zuriñe Rodríguez.

No Campionato de España de relevos por parellas, os equipos están formados por tres parellas e cada unha delas realiza un mini-tríatlon (250 metros a nado, 6 quilómetros en bicicleta e 1.500 metros de carreira a pé), antes de dar a quenda a seguinte parella.