«Chandrexa Trail» reunirá aos mellores corredores galegos

0
Presentación da "Chandrexa Trail 2019" na sala de xuntas do Pazo Provincial. Asisten Rosendo Fernández (VicePresidente Deputación), Francisco Rodríguez (Alcalde en funcións do concello de Chendrexa de Queixa), Óscar Sánchez (Representante do Club Running Sport Trail) e Bernandino González (Asesor Deportes Deputación).

Nota de prensa de la Deputación de Ourense

  • A Deputación de Ourense co-organiza este evento deportivo que se celebrará o día 23 de xuño.

A carreira por montaña «Chandrexa Trail», que reunirá aos mellores corredores galegos, celebrarase o vindeiro 23 de xuño, cun percorrido de 34 quilómetros que comezará ás 8.30 horas diante do edificio do Concello de Chandrexa de Queixa, na localidade de Celeiros. O percorrido da proba discorrerá polos montes de Bretelo, Requeixo e Zamorela, cruzando a Serra de Chandrexa de Queixa e pasando polas localidades de Forcadas, Requeixo e Castelo. A proba contará cun máximo de 350 participantes.

A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez; e o representante do Club Running Sport Trail, Óscar Sánchez.

A Deputación de Ourense co-organiza este evento deportivo que chega a súa novena edición e «aglutina nun mesmo evento tres carreiras e unha andaina de diferentes dificultades», explicou Rosendo Fernández, quen destacou o carácter solidario desta carreira que este ano «volverá a colaborar coa Asociación Galega de Fibrosis Quística onde cada participante na proba ou calquera persoa interesada poderá doar o que queira para axudar a tódolos que poidan padecer esta enfermidade».

Ademais do trail que é «Campionato Galego de Carreiras por Montaña polo que traerá aos mellores corredores galegos a Chandrexa de Queixa» –dixo Óscar Sánchez-, ese mesmo día disputarase unha andaina e un cross de 18 quilómetros de percorrido ambas probas. O cross, Campionato Galego Junior, comezará ás 10.00 horas e a andaina ás 9.00 horas, ambas tamén sairán desde a Casa do Concello de Chandrexa de Queixa. O traxecto discorrerá por camiños, pistas forestais e campo a través. Neste caso, o número máximo de participantes é de 250 persoas en cada proba.

Por último, celebrarase tamén un cross de 7,3 quilómetros que comezará ás 10.30 horas. A proba puntuará para a Copa Galega Cadete e a súa vez estará dispoñible para todo aquel que queira iniciarse no mundo do trail.

En canto aos datos de participación, o representante do do Club Running Sport Trail dixo que estaban «satisfeitos polo aumento de inscritos na carreira ao longo destas edicións», e destacou que a proba conseguiu manter unha porcentaxe estable de entre un 12% e un 20% de corredores que veñen de fóra de Galicia, «incluso de Portugal, o que lle outorga carácter internacional á competición», sinalou Óscar Sánchez. Asemade, nos últimos catro anos, a participación feminina mantense entre o 20% e o 28%.

Pola súa parte, o alcalde de Chandrexa de Queixa agradeceu á Deputación de Ourense o seu apoio e o traballo que realizan desde o Club na organización da proba, a cal espera que continúe a celebrarse tódolos anos «para dar a coñecer o patrimonio natural e paisaxístico do noso municipio».

Os interesados en participar nalgunha destas probas poderán inscribirse a través de Championchipnorte, agromacen e runmaniak, ata o día 9 de xuño por un prezo, e do 10 ao 20 de xuño a inscrición terá outro custe máis elevado.