Cely Gayardo volverá vestir de laranxa

0

A brasileira Araceli Gayardo (Sao Miguel do Oeste, 1988), máis coñecida como Cely, volverá vestir de laranxa nove anos logo de estrearse no fútbol sala español e co Pescados Rubén Burela FS. A ala regresa logo dunha ampla e exitosa traxectoria en Italia, procedente do Futsal Femminile Cagliari.

Tres Supercopas, tres Copas e tres Ligas no Calcio a 5 locen no palmarés da internacional brasileira de 31 anos, tras militar no conxunto laranxa en 2011-12. “A miña primeira etapa no equipo foi moi curta. Cheguei a finais de xaneiro e non tiven todo o tempo que me gustaría e que precisaría para adaptarme ao cambio de xogo do Brasil a España. Esta vez, chego a principios de tempada, así que ese tempo vouno ter e agardo chegar canto antes ao meu máximo nivel e poder contribuír para esa etapa gañadora dos últimos anos” explicaba a nova 23 laranxa.

“Pescados Rubén Burela FS é un exemplo de equipo profesional de fútbol sala, é un espello para os demais equipos arredor do mundo. Desde que pasei por aquí e marchei xogar a Italia, sempre seguín a liga española e aínda máis o Burela, cando era posible. Celebrei os títulos do equipo desde Italia. Coñecía toda a estrutura e a profesionalidade do club e de quen aquí traballa, así que sabía que era unha cuestión de tempo para que os títulos chegasen e non me trabuquei” recoñecía así Cely a evolución do que volverá ser o seu equipo as dúas próximas tempadas.

Cely convértese na terceira novidade do cadro de Julio Delgado e Lucas para 2020-21, xunto á meta cántabra Sandra Buzón e a universal andaluza Elena Aragón. “Logo de tanto tempo sen poder xogar e adestrar debido ao Covid, non vexo a hora de volver á pista e poder facer o que máis me gusta. Síntome preparada e ilusionada ante este desafio e espero contribuír a que o Pescados Rubén Burela FS poida seguir coa media de títulos dos últimos anos” prometía así dar o máximo a brasileira a tan só dous días de volver pisar Vista Alegre.