CD Choco 0-1 CD Barco || Os de Javi Rey conseguen tres puntos moi traballados

Nova vitoria do CD Barco pra sumar outros tres puntos moi importantes de cara a promoción de ascenso nun campo complicadísimo.

0

Tocoulle sufrir en Redondela ao CD Barco, remar duro e gardar a roupa, logo do gol de Ivi Vales na primeira metade, fronte un cadro redondelán que tivo máis o balón e levou a iniciativa durante a maior parte dos noventa e tantos minutos de xogo.

Primeira metade de dominio local, mais con vantaxe pola mínima pra os de Javi Rey grazas ao gol de Ivi Vales, no min. 18, ao aproveitar unha chegada pola esquerda do ataque e bater por baixo o porteiro local. Os de Redondela apertaron moito nos últimos minutos e Pepelu Villar respondeu á perfección a un duro disparo baixo os paus.

Con todo, os cambios introducidos polo adestrador Javi Rey fixeron que a presión local non fose tan abafante na segunda metade, cun Raly na punta do ataque valdeorrés buscando a vantaxe coa súa velocidade e que sempre levou a intranquilidade até a retagarda dos homes de Montes.

Pola súa banda os de Javi Rey exhibiron firmeza e seguridade defensiva, sen pasar grandes apuros, e coa actuación moi salientábel de Omar e boas intervencións, cando fixeron falta, do gardarredes Pepelu Villar, sempre atento pra se anticipar aos rivais por detrás da liña da defensa e moi seguro entre os tres paus.

O cadro vermello segue a engrosar a xeira de resultados positivos, afortalando a súa posición na zona alta da clasificación e deixando claro que vai en serio e ten ambición e oficio abondos pra pelexar polos tres puntos en calquera lugar.

Texto: Xabier R.A./CD Barco