Presentación do Campionato de España de Remo Olímpico. Asisiten Rosendo Fernández (VicePresidente Deputación), José Ramón Lete Lasa (Secretario xeral para o Deportes da Xunta), Asunción R. Loriente (Presidenta Federación Española de Remo), José Manuel Seijas (Presidente Federación Galega de Remo), Esteban Suarez (Alcalde de Castrelo de Miño), Beatriz Alberte (Presidenta Club Naútico de Castrelo de Miño) e Javier Soto (Director Xerente de Caldaria).
  • O evento deportivo, organizado conxuntamente coa Federación Galega de Remo e a colaboración do Inorde, o Concello de Castrelo de Miño e o Club Náutico Castrelo de Miño, celebrarase do 12 ao 14 de xullo, para as categorías de Alevín, Infantil e Veterano.
  • Na competición daranse cita 888 deportistas de tódalas categorías e modalidades, procedentes de máis de 80 clubs de 9 Comunidades Autónomas.

Castrelo de Miño será a sede do Campionato de España de Remo Olímpico para as categorías de Alevín, Infantil e Veterano, os días 12, 13 e 14 de xullo. O evento está organizado conxuntamente coa Federación Galega de Remo e a colaboración do Inorde, o Concello de Castrelo de Miño e o Club Náutico Castrelo de Miño.

A presentación da competición tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción R. Loriente; o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; o alcalde de Castrelo de Miño, Esteban Suárez; a presidenta do Club Náutico de Castrelo de Miño, Beatriz Alberte; e o director xeral de Caldaria, Javier Soto.

«Trátase dun evento importante para a provincia de Ourense, por ser sede dunha competición nacional na que se darán cita 888 deportistas de tódalas categorías e modalidades (200 alevíns, 414 infantís e 274 veteranos), procedentes de máis de 80 clubs de 9 Comunidades Autónomas diferentes», salientou Rosendo Fernández, quen afirmou que «Ourense está na elite española dos deportes náuticos».

A chegada dos clubs a Castrelo de Miño está prevista mañá xoves, 11 de xullo, mentres que a competición comezará o venres, 12 de xullo, a partir das 16.00 horas, coas eliminatorias da categoría alevín. O sábado, 13 de xullo, a competición terá lugar desde as 8.30 horas ás 13.30 horas e, pola tarde, desde as 16.00 ás 20.00 horas. Por último, o domingo, 14 de xullo, a xornada comezará ás 8.00 horas e rematará ás 14.30 horas, e nela disputaranse en primeiro lugar as semifinais e, posteriormente, as finais de tódalas modalidades. A entrega das medallas será a partir das 11.30 horas.

José Manuel Seijas destacou o pulo que supón o deporte para o sector turístico e económico das localidades que acollen este tipo de competicións. Así mesmo, a presidenta da Federación Española de Remo salientou a importancia «de volver a Castrelo de Miño que acollerá esta competición dos nenos que é a máis importante porque se trata do noso futuro». Castrelo de Miño –engadiu Asunción R. Loriente- é «o sitio ideal para celebrar este evento».

Pola súa parte, o alcalde de Castrelo de Miño dixo que tralas obras de mellora levadas a cabo nos últimos anos no parque náutico do municipio, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense, «dispomos do mellor campo de regatas de España para a práctica do remo. Son moitos os clubs que veñen a adestrar e a competir ao parque náutico de Castrelo de Miño». Asemade, Esteban Suárez lembrou que o municipio leva «36 anos acollendo campionatos de remo e esperamos continuar esta senda durante os vindeiros anos».

O secretario xeral para o Deporte destacou «a aposta decidida» da Xunta de Galicia a prol do remo desde hai moitos anos e, neste 2019, «o orzamento da Federación Galega de Remo subiu case un 35% con respecto ao ano pasado». Así mesmo, José Ramón Lete salientou que «temos 27 embarcacións surcando as augas de Galicia, das cales 21 son masculinas e 6 son femininas, en condicións de igualdade en tódolos aspectos».

Nota de prensa de la Deputación de Ourense