Nota de prensa de la Deputación de Ourense

  • A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que se celebrará os días 22 e 23 de xuño.

O municipio de Castrelo de Miño será a sede da 3ª Copa de España de Maratón para as categorías cadete, xuvenil, senior e da 3ª Copa de España de Maratón Máster para a categoría de veterano, os vindeiros días 22 e 23 de xuño.

A presentación deste evento deportivo de ámbito nacional tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Castrelo de Miño, Esteban Suárez; o presidente da Federación Galega de Piragüismo e o delegado provincial da Federación, Alfredo Bea e José Manuel Fernández; o presidente e a delegada do Club Fluvial Avión-Castrelo, Pedro Andrés e Maribel Rodríguez; e o coordinador de deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez.

A Deputación de Ourense colabora con este evento que terá lugar «nun marco ideal para este deporte e que supón unha das competicións máis cotizadas do calendario nacional, sendo o selectivo nacional da especialidade de maratón, onde se escollerá ao equipo nacional que participe no campionato de Europa que se celebrará o día 25 de xullo en Francia», explicou Rosendo Fernández, quen destacou tamén «o importante retorno económico que supón para a nosa provincia acoller estas probas».

Na competición da Copa de España de Maratón daranse cita – tal e como explicou o delegado provincial da Federación Galega de Piragüismo- 460 deportistas procedentes de 65 clubs de 12 autonomías. Mentres que, na Copa de España de Maratón Máster participarán 112 deportistas de máis de 35 anos, procedentes de 39 clubs e tamén de 12 autonomías. No evento citaranse «os mellores do piragüismo nacional», dixo Alfredo Bea, quen lembrou que esta proba «ademais de ser clasificatoria para o europeo, será control selectivo para o campionato do mundo que terá lugar o día 10 de outubro en China».

Pola súa parte, o alcalde de Castrelo de Miño dixo que «tralas obras de mellora realizadas no parque náutico nos últimos anos, coa colaboración da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, dispomos a día de hoxe do mellor campo de regatas de España para a práctica do piragüismo e do remo».