Reunion Manuel Baltar (Presidente Deputación Ourense) con Asunción Loriente (Presidenta da Federación Española de Remo), acompañados por Manuel Seijas (Presidente da Federación Galega de Remo).

Manuel Baltar, reuniuse coa presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente, e co seu homólogo da federación galega, José Manuel Seijas, con que analizou os detalles deste evento deportivo, que conta coa colaboración da Deputación de Ourense.

 

Ourense, 1 de febreiro de 2020.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial á presidenta da Federación española de Remo, Asunción Loriente, e ao seu homólogo galego, José Manuel Seijas, con quen analizou os detalles do evento máis importante do remo nacional, que os vindeiros 8 e 9 de febreiro terá á provincia de Ourense como protagonista, coa celebración no Parque Náutico de Castrelo de Miño dos campionatos de remo de Larga Distancia e de Seleccións Autonómicas.

 

«Trátase duns campionatos ao máis alto nivel no panorama nacional –afirma Baltar-, e isto reforza á nosa provincia como un escenario ideal para o desenvolvemento destas probas deportivas, tanto polas magníficas infraestruturas coas que contamos como pola calidade natural da lámina de auga no embalse de Castrelo de Miño, unha das mellores do mundo».

 

O presidente da Deputación destacou a relevancia que a provincia de Ourense ten, sinaladamente, nos deporte de auga: remo e piragüismo, «e neste sentido seguimos a traballar co programa de termalismo deportivo que impulsa o goberno provincial, e que fixo posible que nos últimos anos seleccións de diferentes países viñesen a Ourense a preparar campionatos do mundo e olimpíadas, con excelentes resultados acadados tralos períodos de preparación que levaron a cabo os deportistas na nosa provincia».

 

O campionato de España de Larga Distancia será a primeira das competicións que se disputará. Comezará o sábado 8 de febreiro, ás 9.00 horas. Trátase dunha proba contrarreloxo en liña sobre unha distancia de 5.500 metros, e onde os deportistas que aspiran a formar parte dos equipos nacionais deben participar para avaliar o seu rendemento actual sobre esa distancia. As categorías son: Absoluto, Xuvenil e Cadete, masculino e feminino. Na pasada edición participaron 315 embarcacións e 407 deportistas.

 

Polo que atinxe ao Campionato de España de Seleccións Autonómicas, desenvolverase o mesmo día 8, a partires das 16.00 horas, e na mañá do domingo 9 de febreiro, entre as 9.00 e as 13.00 horas, coa disputa das semifinais e finais. Este campionato realizarase sobre unha distancia de 1.000 metros, nas mesmas categorías que o anterior. Na edición de 2019 participaron 111 embarcacións e 600 deportistas de 9 federacións, unha cifra que será semellante nesta edición, coa participación de deportistas de Galicia, Andalucía, Aragón, Cantabria, Cataluña, Comunidade Valenciana, Navarra, Pais Vasco e Asturias.