Broche de ouro para a Selección de Galicia no Campionato de España XCO/XCE/TR. No terceiro e último día de competición no circuíto navarro de Arguedas, Carlos Canal proclamouse este domingo campión estatal júnior de cross country olímpico (XCO). O biker de Xinzo de Limia dominou de principio fin a carreira na que o combinado autonómico sumou o seu terceiro metal neste evento, dous deles de ouro.

Canal, que o venres participou no triunfo da Selección de Galicia na proba Team Relay de remudas por equipos, era o gran favorito para a vitoria entre os 70 júniors que se deron cita na liña de saída. O ourensán asumiu o seu papel dende a primeira pedalada e colocouse primeiro para tentar abrir unha marxe que lle dera tranquilidade e lle permitira non arriscar.

O vencedor esta temporada do Open de España abriu un oco de 15 segundos na start lap, unha marxe que lle custou ampliar nas seguintes voltas. Como principal ameaza atopouse a Jaume Bosch (Illes Balears), que non tirou a toalla en ningún momento.

Na meta, Canal obtivo o título con 23″ de vantaxe sobre Bosch e festexou un triunfo que se lle resistiu o pasado ano, cando rematou segundo no Campionato de España. O podio completouno nesta ocasión Alberto Barroso (Andalucía), que entrou a 1:28 do limiao.

Prata de Punzón 

Despois do ouro no Team Relay do venres na apertura dos campionatos, Jorge Punzón volveu pisar o caixón o sábado. O biker do Porriño colgouse a prata no Eliminator (XCE), unha modalidade na que Alberto Pedreira, o outro representante autonómico, fíxose coa ‘medalla de chocolate’.

O tándem de elites galegos, e porriñeses, presentou a súa candidatura aos metais dende a rolda clasificatoria. Punzón marcou o terceiro mellor rexistro e Pedreira, o quinto. Os 32 primeiros clasificados accederon ás eliminatorias.

Tras superar os dous primeiros cruces, os bikers da Selección metéronse na final a catro grazas a axustados esprints. Pedreira superou sobre a liña a Alejandro Junquera (TopSport) para acadar a segunda praza na primeira semifinal e moi semellante foi o desenlace da segunda con Punzón batendo por milímetros a Edgar Teno (Valencia).

O cartel da final completárono Diego González (SportBici) e Alberto Mingorance (Andalucía). Este último ofreceu un arranque fulgurante que lle permitiu incluso soltar de roda aos seus rivais no primeiro cuarto de competición. O andaluz rubricou o seu cuarto título, cun tempo de 02:00 e 60 centésimas despois entrou Punzón levantando a roda dianteira da súa bicicleta en sinal de ledicia. Na loita polo bronce, Pedreira tivo un problema cun pedal e quedou sen opcións no duelo con González.

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo