Carla Fernández e Saúl López consolidan os seus liderados da Copa Galicia en Boiro

0

Na festividade da Constitución os líderes da Copa Galicia de ciclocrós impuxeron a súa lei en Boiro. O elite Saúl López (Maceda) e a sub-23 Carla Fernández (Río Miera) encabezaron este venres a nómina de gañadores da oitava xornada do certame autonómico. Un ano máis, o fermoso circuíto de Praia Xardín exerceu de escenario da proba organizada polo Club Ciclista Barbanza.

A XXXIII edición da proba decana do ciclocrós galego tivo como indiscutible gañador da carreira elite e sub-23 masculina a Saúl López. O monfortino chegaba igualado a 600 puntos con Jorge Punzón (Cosmos) no máis alto da táboa e desfixo o empate vencendo cun tempo de 53:30. Deste xeito, anotouse o seu quinto triunfo desta temporada.

O ciclista profesional de estrada Daniel López (Burgos BH) rematou segundo a 39” do corredor do Maceda e a terceira praza foi para Punzón. O porriñés do Cosmos superou nun igualado man a man ao seu veciño Luis Fernández Oliveira (Avanza).

A loita pola vitoria na carreira raíña feminina protagonizárona a sub-23 Carla Fernández e a elite María Jesús Barros (Spol). A viguesa do Río Miera acadou o seu terceiro éxito absoluto desta campaña tras 43 minutos e 49 segundos de esforzo. A porriñesa Barros finalizou a 52” e coa terceira posición fíxose a júnior Noela Saa (Maceda).

Os gañadores no resto de categorías foron Laura Mira (Redondela) e Ricardo Buba (Coruxo) en cadetes, Jorge Fernández (Ponteareas) nos juniors, Ángel Maneiro (Toxo) nos sub-23, Rocío Blanco (A Forna) e Alejandro Mesías (CiclosQuintena) en máster-30, Natalia Raña (Corbelo) e Moisés Leboso (GD 10) en máster-40, Marcial Rodríguez (Marcisport) nos máster-50 e Manuel González Ojea (Bici O Con) nos máster-60.

Novos líderes júniors

Os resultados do Trofeo Concello de Boiro provocaron un dobre cambio de líder nos rankings juniors da Copa Galicia. Grazas a súa vitoria, Jorge Fernández desbancou da primeira praza a David Fernández (Avanza), mentres que Aroa Mediavilla (Cambre) aproveitou a ausencia de Laura Capa (Aleata-Farto) para asaltar o primeiro posto.

Os outros maillots do certame autonómico seguen portándoos Laura Mira e André Martínez (Avanza) en cadetes, Carla Fernández e Ángel Maneiro en sub-23, Diana Blanco (Barbanzabike) e Saúl López en elites, Rocío Blanco e Andrés Calvete (Monte Xalo) en máster-30, Estela Lago (Bike O Facho) e Manuel Armada (Cidade de Santiago) en máster-40, Antonio Sousa nos máster-50 e Antonio Fernández (Cambre) nos máster-60.

José Ramón Romero, alcalde de Boiro, non se perdeu unha cerimonia de entrega de premios á que tamén asistiron Marcos Fajardo, concelleiro de Deportes; Ricardo Riveiro, presidente do Club Ciclista Barbanza; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo.

A vindeira fin de semana a Copa Galicia celebrará dúas citas puntuables na provincia da Coruña. O sábado disputarase o II Ciclocrós Concello de Carral e o domingo será a quenda do III CX Caimanes Betanzos.

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo