A primeira BTT solidaria do Concello de Boborás será en favor da Asociación Española contra o Cancro, proba que se celebrará o vindeiro 18 de xuño no municipio ourensán. A presentación deste evento deportivo tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; a tenente de alcalde de Boborás, Patricia Torres; e a presidenta da AECC de Ourense, Dora Gómez.

 

A proba deportiva conta cun percorrido de preto de 40 quilómetros que serán cronometrados. A saída será ás 9.30 horas diante do CEIP Nosa Señora de Xuvencos. Haberá unha clasificación feminina e masculina absoluta, con trofeos para os tres primeiros clasificados de cada unha delas. Tamén haberá dous trofeos de honra para o participante de máis idade que remate a proba, así como para o máis novo. Os interesados en participar poderán inscribirse na páxina www.championchipnorte.com, por un custe de 14 euros, sendo a metade da cota destinada para AECC de Ourense.

A tenente de alcalde de Boborás sinalou que este tipo de iniciativas “favorece o deporte, a Asociación Española contra a Cancro, pero tamén nos permite dar a coñecer o noso municipio”. Nese mesmo senso, Juan Anta felicitou ao Concello de Boborás por organizar esta proba pois “o deporte vencellado ao turismo ocupan un binomio esencial para dinamizar o territorio” e destacou “o carácter solidario” deste evento deportivo.

Pola súa parte, a presidenta da AECC de Ourense agradeceu á organización “que pensara na nosa asociación que por primeira vez está presente nesta disciplina deportiva”, e lembrou que “o 20% do recadado para a Asociación sempre se destina para investigación”.

As actividades comezarán o día antes da proba, o sábado 17 de xuño, a partir das 16.30 horas, coa recollida de dorsais e cun mercadillo solidario, onde todo o recadado na venta será para a Asociación Española contra o cancro. A xornada estará amenizada coa música a cargo dun Dj.

Asemade, para os máis cativos haberá un circuíto ciclista infantil, dirixidos a nenos de entre 3 e os 12 anos, onde poderán participar coas súas bicicletas. Esta actividade está composta dun circuíto de educación vial con sinais de tráfico e semáforo, así como dun parte de adestramento formada por unha gymkana de habilidade con xogos e saltos. As actividades infantís son de carácter gratuíto.

Así mesmo, haberá unha carpa taller de reparación de bicicletas, para información e posibles avarías, que atenderán técnicos titulados polas Federacións de ciclismo.

 

Comentarios