Correr sen compañeiros de equipo non foi obstáculo para que Miguel Ángel Bastelleros se impuxera este domingo no III Trofeo Cidade de Pontevedra – Memorial Rogelio Acuña, terceira e última proba puntuable da Copa Galicia de Estrada Elite e Sub23. O murciano do Valverde Team ergueu os brazos por diante de Rubén Fernández (Cycling Galicia). Roberto Mediero (Vigués) completou o podio na cita organizada polo Grupo Deportivo Supermercados Froiz.

O percorrido de 100 quilómetros arrancou na Praza de España da cidade do Lérez cos corredores dirixíndose cara a Marín para realizar a coñecida como a Volta ao Morrazo. A carreira resultou moi rápida e despois de pasar por Arcade, Soutomaior e Pontecaldelas decidiuse nos últimos 20 quilómetros. Un quinto formado por Ballesteros, Fernández, Mediero, Guillermo García (Froiz) e Raúl García de Mateos (Cortizo) protagonizaron un ataque que sería definitivo.

O máis forte dos cinco no treito final foi Ballesteros, cruzando a liña de meta en Pontevedra cun tempo de 2 horas 20 minutos e 58 segundos. A continuación, a 2″, finalizou o porriñés Fernández, mentres que a 34″ do gañador entrou o vigués Mediero superando ao esprint a García, primeiro sub23.

A quinta posición correspondeulle a De Mateos e con este resultado o corredor manchego acadou o primeiro posto no ranking elite da Copa Galicia. Como primeiro sub23 deste certame rematou Alejandro Gómiz (Mutua Levante).

Nas categorías máster do Trofeo Cidade de Pontevedra, a vitoria nos máster-30 asinouna Iago Alonso (Chantadino) e nos máster-40, Moisés Leboso (GD 10).

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo