Asturias reina no Open de Galicia XCM de Mondoñedo

0

 

 

Triplete asturiano na VI Ruta do Rei Cintolo, segunda proba puntuable do Open de Galicia de BTT Maratón (XCM) celebrada este domingo na localidade lucense de Mondoñedo. David Ovín (Team Bike Cabranes) reafirmou o seu liderado no certame autonómico cruzando a liña de meta da man do seu compañeiro de equipo Daniel Montes e marcando un tempo de 3 horas 18 minutos e 49 segundos. O podio Elite completouno Manuel Fernández, tamén representando a esta formación do Principado.

Da exitosa organización deste evento encargouse o C.C. 7 Voltas, reunindo na liña de saída a 203 participantes. No resto de categorías os vencedores foron Diana Blanco (Barbanzabike) en Elite feminino; Alberto Manuel Túñez (Frigoríficos Bandeira) en Master-30; Miguel Ángel Arias (Corbelo) en Master-40; José Manuel Pérez (Castropol Deporte) en Master-50/60 e Teresa Barreira (Pillabikes) en Master feminino.

No percorrido de 70 kilómetros os corredores debían dar dúas voltas a un circuíto de 35 kilómetros cun desnivel positivo acumulado de 1.200 metros. O barro aumentou aínda máis a esixencia deste trazado no que despois dun primeiro treito pola ruta da auga e pasando ao carón do sendeiro que da entrada á Cova do Rei Cintolo, tiña na ascensión ao Cristo do Fioucos (753 metros) a súa principal dificultade.

xcm mondoñedo elite“Íamos vendo que Busto nas baixadas se ía quedando e aproveitamos antes da última subida para tensar un pouco a carreira e empezar a ascender cuns metros de vantaxe”, sinalou Ovín. A estratexia do Team Bike Cabranes de descolgar ao líder Master-30 permitiulles sentenciar a carreira no longo descenso ata o barrio dos Muíños, no que se pasaba pola ponte do Pasatempo antes de alcanzar a maxestuosa praza da Catedral de Mondoñedo, onde estaba situada a meta: “Unha vez que coroamos pegaba moito aire e a partir de aí fixemos un bo traballo a relevos. Ao principio non me atopaba ben, pero acabei con boas sensacións nun circuíto duro polo barro e as pendentes”.

 

Dous novos líderes

A vitoria de Ovín, que xa se impuxera na primeira cita do calendario en Viveiro, permítelle aumentar a súa marxe ao fronte da clasificación xeral Elite masculina do Open de Galicia de XCM. Tamén manteñen as camisolas de líderes Javier Busto (Frigoríficos Bandeira) en Master-30, José Manuel Pérez en Master-50/60 e Teresa Barreira en Master feminino.

As novidades nos rankings da primeira edición deste certame autonómico protagonízanas Diana Blanco en Elite feminino e Miguel Ángel Arias en Master-40, que pasan a encabezar as súas categorías. A terceira proba puntuable chegará o domingo 19 de xuño coa celebracón da 1ª Ruta BTT Concello de Rois do C.C. O Trisquel.