As seleccións galegas júnior participarán no Campionato de España Júnior de Taekwondo

0
As seleccións galegas júnior masculina e feminina participarán os días 6 e 7 de decembro no Campionato de España Júnior de pesos olímpicos, que se celebrará en Benidorm a porta pechada.
Pero serán unhas seleccións modificadas no último momento, xa que a dirección técnica da Federación Galega veuse obrigada a facer cambios por culpa dun positivo en COVID-19 no CGTD, o que provocou o confinamento de varios deportistas.
Así, finalmente o equipo femenino, que competirá o domingo, está formado por Aitana Fariña (-44 quilogramos, Maniotas-Noia), María Ferreiro (-49, Couto), Sara Soneira (-55, Boudsport), Fátima Martínez (-63, Couto) e Ainoha García (+63, Couto). O combinado galego feminino viaxou esta pasada noite e xa se atopa en Benidorm.
Pola súa banda, o equipo masculino foi o máis prexudicado con tres cambios de deportista. O combinado galego queda formado por Fernando Davila (-48 quilogramos, Kae Sport), Isaac Blanco (-55, Maniotas), Julio Iglesias (-63, Couto), Martín Conde (-73, Couto) e Yeray Sabugueiro (+73, Natural Sport). A competición masculina celebrarase o luns.