As seleccións galegas cadete, júnior e sub 21 da modalidade de combate participarán esta fin de semana no Campionato de España que se celebrará en Valladolid, con case mil deportistas inscritos. Ademais, por vez primeira celebrarase o Campionato de España de Parataekwondo en combate e técnica, coa presenza de Alex Vidal. Galicia tamén estará representada na arbitraxe con seis árbitros galegos en liza (Noelia Gómez, Daniel Paredes, Alba Muñiz, Renso Rodríguez, Conchy Martínez e María Bautista).

O torneo cadete –para deportistas nados nos anos 2005, 06 e 07- celebrarase o sábado e a selección galega cadete presenta un equipo moi novo e renovado  formado por  29 deportistas (15 rapaces e 15 rapazas). En total nesta categoría hai 325 deportistas inscritos.

O pasado ano, as e os deportistas galegos da categoría cadete acadaron un total de 13 medallas (tres ouros, dúas pratas e oito bronces) no Campionato de España Cadete, que se celebrou en Marina D’Or (Castellón). A selección galega cadete feminina foi prata na clasificación por equipos.

Tamén compite o sábado a selección galega júnior, formada por 17 homes e 12 mulleres, con deportistas destacados na categoría cadete no seu primeiro ano de júnior. O pasado ano, en Córdoba, espectaculares resultados para Galicia: Conseguiu un total de catorce medallas (catro ouros, tres pratas e sete bronces) no Campionato de España júnior de Combate, e venceu na clasificación por equipos femininos, mentres que foi segundo na clasificación xeral e terceiro, na clasificación de equipos masculinos.

Na categoría sub 21 (deportistas nados entre os anos 1999 e 2003), a Federación Galega despraza a un equipo de 26 deportistas (13 rapaces e 13 mulleres), con varios protagonistas galegos que buscarán loitar polas primeiras posicións. A competición celebrarase o domingo con 232 inscritos.

En 2018, a selección galega feminina sub 21 logrou en Marina D’Or a primeira posición por equipos, mentes que na clasificación xeral (masculina e feminina) foi bronce cun total de trece medallas (2 ouros, 4 pratas e 7 bronces).

Convocatorias galegas para o Campionato de España 2019:

https://www.taekwondogalego.net/cptos-espana-6-7-07-19/

Nota de prensa de la Federación Gallega de Taekwondo