As Pontes 2 – 2 CD Barco | O Barco tira de orgullo no Poblado

0

 

[alert type=»danger»]

2 CD AS PONTES: Paco, Criado, Buyo, Borja, Prieto (Álvaro Rey 48´), Rubio (Alex Cabarcos 62´ Rubén 92´), Pablo Ramos, David González, Ibu,  Edi, Pardo.

2 CD BARCO: Óscar Rodríguez, Cristóbal Juncal, Deivis, Óscar Loza (Brais Meco 88´), Omar, Adil (Ramos 38´), Javi Recamán, Rubén García, Ballesteros, David Álvarez, Vales.

Árbitro: Francisco Xavier Rodríguez Campos (A Coruña). Moi tarxeteiro co equipo local, e non co rival. Auxiliado nas bandas por Ordoñez Rodríguez e Carreira Parrado. Amarelas a Pablo Ramos, Edi, Álvaro, Alex Cabarcos, Criado e Óscar Loza.

Goles: 1-0, Ibu (7´), 2-0, Edi (20´). 2-1, Vales (66´), 2-2, Brais Meco (94´).

Incidencias: Campo de O Poboado. Uns 150 espectadores.

[/alert]

 

 

Tarde pra sufrir e gozar do fútbol! Cantas emocións e sensacións concentradas en noventa e tres minutos! E salientamos o do minuto 93 porque hoxe non houbo respiro até o mesmo asubío final, nunha segunda metade de infarto.

Os rapaces do CD Barco non comezaron ben. O gol temperán no min. 7, a intensidade dos locais cunha abafante presión moi arriba, as facilidades que estabamos a dar en defensa… non presaxiaban nada bo. Así foi e no min. 20 os de Marco Roca xa gañaban por 2-0, logo do certeiro lanzamento de falta de Edi. Curiosamente o Botelo Mecánico comezou a carburar co marcador adverso. Entre os minutos 20 e 23 anotamos dúas ocasións, a primeira delas ben resolta polo gardamallas Paco. Deica o descanso as mellores opcións foron valdeorresas, dúas a balón parado e outra nunha xogada en que Ivi Vales rematou fóra por moi pouquiño. 

A segunda entrega, co contratempo da ausencia de Adil, comezou con dous avisos dos locais que non foron quen de transformar pra pechar o partido, mesmo cun balón salvado por Omar baixo os paus. A partir de aquí os de Javi Rey apuraron a marcha e, malia os esforzos dos coruñeses por frealos, só houbo un equipo sobre o campo. O magnífico gol de Ivi Vales no min. 65 chegou con marxe suficiente pra lles dar azos na busca da igualada, que ben puido acabar en remontada. O conxunto local viuse desbordado, esvaecido, e non era quen de conter a enxurrada barquense. No min. 67 David Álvarez estrela un balón no traveseiro. No 74 de novo David bota un córner e o remate de cabeza de Ballesteros vaise por milímetros. No min. 79 Ibu non chega na única opción clara, esta si, pra o cadro local.

Despois caída do omnipresente David na área rival no min. 80, con reclamación da pena máxima. Penalti que si decretou o colexiado nun claro derrubamento sobre Ivi Vales no 85, coa bancada feita xa un mar de nervios. Tira Javi Recamán e, malia enganar o porteiro, este ten a habilidade e o acerto de poñer os pés pra rexeitar o disparo. Os vermellos son conscientes das súas posibilidades e de que o partido non está aínda perdido. Co seu rival metido atrás, na cova, e o público esixindo a hora seguen a empurrar máis e máis. Minuto 86 e outro balón valdeorrés ao traveseiro. Nesta altura xa era ben tempo de que os corazóns delicados abandoasen O Poboado. O reloxo corría a diferentes velocidades, segundo os intereses de cadaquén, cos de Valdeorras lanzados pola mínima recompensa en boa xustiza.

E ao cabo, xa case sobre a bocina, tanto esforzo acadou o merecido premio. Despois de intentalo polas bandas, un balón sae rexeitado cara ao centro da área onde aparece Brais pra darlle con todo, tamén co apoio dos seareiros/as valdeorreses presentes no campo, e facer o definitivo empate 2-2 sen tempo xa nin de realizar o saque posterior do centro do campo. 

 

 Texto e Fotos: Xabier R.A.