Arosa SC 0 – 1 SD Compostela / O Compos tira de oficio e leva o derbi

O tanto de Jordan e o penalti parado por Pato, vitais para sacar os tres puntos ante o Arosa.

0

 

Vilagarcía de Arousa, 5 de decembro de 2021.- A SD Compostela tirou de oficio na Lomba e levou o triunfo no derbi contra o Arosa. Os branquiazuis gañaron por 0-1, conseguindo a segunda vitoria consecutiva. Apoiados por centos de afeccionados compostelanistas, os nosos suman tres puntos capitais para seguir na parte alta da clasificación.

A contenda decidiuse na segunda metade, no 74, grazas a un gran contragolpe no que Rafa Mella cedeu para Jordan e o de Salvaterra cruzou á perfección para cravala pegada ao poste. Clave tamén foi o paradón de Pato, no 81, no penalti lanzado por Beda.

O ambientazo nas bancadas da Lomba era o preludio dun partido grande, un derbi histórico que se recuperaba na Segunda RFEF. Había gañas deste duelo comarcal e iso percibiuse no interese causado en ambas afeccións. Agardábase un duelo vibrante, intenso, o que xa se puido comprobar dende o asubío inicial.

A pesar da dificultade que entrañaba manter o equilibrio, ambos conxuntos saíron coa premisa de dominar coa pelota, aínda que sen rexeitar as contras cada vez que roubaban.

Deste xeito, chegou a primeira ocasión do encontro, para os locais, no 5. Roubou Julio Rey na saída de balón branquiazul, a pelota chegou para a entrada de segunda liña de Mon e o ex- xogador compostelanista, no man a man con Pato, cruzouna en exceso.

Replicaron rápido os nosos, no 17, cunha gran acción de estratexia. Samu botou o córner e Fer Beltrán conectou un sensacional testarazo que sacou da escuadra Manu Táboas cunha aínda mellor estirada. E dous máis tarde, de novo mesmos protagonistas, aínda que nesta ocasión nun gran de contragolpe, pero o tiro cruzado do medio do Saviñao, no interior da área, atrapouno o porteiro local.

Despois dese tramo moi aberto, co paso dos minutos, o encontro foise trabando, con continuas faltas e interrupcións, como a que tivo que realizarse para a substitución dun Primo que se retirou lesionado. Sen opcións destacables, o derbi chegou ao tempo intermedio co marcador inicial, 0-0.

Á volta dos vestiarios, cos mesmos protagonistas sobre o verde, a contenda seguiu polos mesmos camiños. Mentres a noite caía, as ocasións non aparecían. Foi momento de mover o banco e Rodri realizou ata tres modificacións, dando entrada dunha tacada a Rafa Mella, Jordan e Salado.

A pesar de que custaba ganduxar xogadas, o Compos foise asentando no terreo, adaptando o seu xogo ao que requiría o campo. Así, no 72, tras un roubo no centro do campo, avisou nunha clara contra que cortou Ross, in extremis, cando Parapar xa servira o pase da morte para Pablo Durán.

E no 74, chegou o ansiado gol. Pato lanzou a Rafa Mella por banda, o extremo avanzou ata liña de fondo, recortou e deixouna para Jordan no punto penalti quen, tras controlar, fusilou ao segundo pau, un tiro raso e axustado, imparable para o porteiro. O mediocentro de Salvaterra, no seu regreso trala lesión, marcaba por segunda semana seguida.

A bancada veu abaixo coa alegría do tanto, pero aínda quedaba un cuarto hora no que os locais buscaron a heroica. Nese período, marcaron os de Vilagarcía, no 77, nunha acción de estratexia, pero o árbitro sinalou falta de Fontán sobre Roque no salto. Con todo, máis clara foi aínda a que tiveron no 80, despois dunha caída de Pedro Beda na área, penalti. O propio dianteiro encargouse de executalo, cun disparo axustado ao pau dereito de Pato, pero o porteiro uruguaio lanzouse como un felino e sacouna coa man, un auténtico paradón.

Ata o final, tocou sufrir, pór o mono de traballo e despexar todos os balóns aéreos que tentaban os locais. A defensa, imperial, afastou calquera indicio de perigo e os tres puntos viñeron para Santiago. Un triunfo vital para os nosos, o primeiro nun derbi esta tempada, que permite ao Compos seguir na parte alta da clasificación. A próxima semana tocará despedir o fortín neste 2021 ante o Langreo.

FICHA TÉCNICA:

0 – AROSA SC: Manu Táboas; Javi Fontán, Piay, Ross (Pedro García, m.83), Cotilla; Alberto Martín; Julio, Diego Diz (Nuño, m.68), Mon (Jorge Fajardo, m.83), Luismi; e Beda.

1 – SD COMPOSTELA: Pato; Roque, Álvaro Casas, Matías, Jimmy (Salado, m.56); Pablo Antas, Samu, Fer Beltrán (Jordan, m.56); Parapar (Roberto Baleato, m.83), Escudero (Rafa Mella, m.56) e Primo (Pablo Durán, m.27).

GOLES: 0-1: Jordan, min.74.

Árbitro: Álvarez Rodríguez (Castela e León). Amoestou a Mon e Javi Fontán, polo Arousa; e a Roque, por o Compos.

Incidencias: Estadio A Lomba (Vilagarcía de Arousa). Xornada 14 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF ante 1.100 espectadores, aproximadamente. Antes do inicio realizouse unha homenaxe ao ciclista Gustavo Cesar Veloso.