Apoio para os que máis o precisan

0

Estes días de confinamento están a ser moi complicados para todas e todos, pero para algúns aínda máis. Como as persoas que viven soas ou os máis maiores. Por iso, o Celta non quixo deixar pasar a oportunidade de lembrarse dos seus socios históricos. Néstor Araujo e Hugo Mallo chamaron a dous veteranos abonados para preguntarlle sobre o seu estado e darlle o seu alento nestes momentos.

O primeiro que coñecemos deste feito foi este tweet de Santiago Montenegro, facendo referencia á chamada do capitán celeste, Hugo Mallo, ao seu pai:

En declaracións a Grada de río, Santiago comentou que ao principio pensaba que se podía tratar dun timo á xente maior, pero cando chamou ao Celta, comprendeu que era certo: primeiro o club e despois o capitán telefonearan ao seu pai. Santiago Montenegro pai, socio número 19, relatoulle a Hugo que formou parte da xunta directiva do Celta trala fusión entre o Fortuna e o Vigo Sporting. Pola súa parte, Mallo díxolle que esperaba coñecelo en Balaídos cando todo se solucionase.

Pero estas chamadas non remataron aí. Ao día seguinte, Piño Sola agradecía en Twitter a Néstor Araujo a chamada á súa nai, Cándida, tamén abonada histórica do equipo vigués:

Noutra entrevista a Grada de ríoCándida Quiroga (máis de 50 anos de socia) amosábase moi feliz por falar co central mexicano. Ela dicía que, a súa idade, non se imaxina que se lembraran dela, foi algo inesperado. Tamén explica que dende o falecemento do seu marido, fai 17 anos, deixou de viaxar co Celta, pero a Balaídos segue acudindo fielmente.

Acontecementos coma estes enchen de orgullo á afección do Celta. Nas situacións máis difíciles debe saír o mellor de cada un. En Italia, clubes coma a Roma tamén levaron a cabo iniciativas deste tipo, moi ben acollidas pola sociedade. En España tamén debemos tomar nota, como o está a facer o Celta. Agardamos que sigan dando alegrías aos nosos celtistas máis veteranos.

Cando todo isto pase, volveremos aos campos e seguiremos animando aos nosos equipos como se nada cambiara. Agora non pasa un só día sen que nos lembremos deles.

Fotografía: RC Celta