Alex Vidal (-61 quilogramos, Natural Sport Riveira) logrou onte en Londres o título de campión do Mundo de Parataekwondo na categoría K-43, converténdose así en tetracampión do mundo. Ademais este mundial é especialmente importante, xa que Alex suma a máxima puntuación cara a Tokio 2020, onde o taekwondo pasará a formar parte do calendario paralímpico por vez primeira.

Este Mundial de Parataekwondo reuniu a un total de 263 deportistas de 59 países, aumentando ano a ano a participación de forma moi significativa. Así, Alex tivo que vencer en tres combates para acadar esta medalla de ouro. No primeiro combate enfrontouse ao xaponés Mitsuya Tanaka, ao que superou por 8-21. A pesar do amplo resultado, Vidal asegurou que “estiven un pouco atascado, pero logrei repoñerme no primeiro asalto, para no segundo levar o control”.

Na semifinal contra o ruso Kadibagama Omarov, Alex estivo moi centrado dende o primeiro minuto e non tivo problemas para vencer (9-27). Na final esperaba o rival máis duro e máis coñecido para o noso deportista: o frances Bopha Kong, número 1 do ránking mundial. “Nos coñecemos moito, polo que sabíamos que ía ser un combate moi técnico no que aquel que cometese menos erros ía vencer. Estiven moi centrado, a pesar de que comecei perdendo nos dous primeiros asaltos. No terceiro metín un pouco máis de ritmo, con cintas e movéndome moito polo tapiz, e logrei poñerme por diante, saíndo todo a pedir de boca”, indicou o galego. Resultado final 12-16 a favor do noso deportista.

Alex explicou que “foi un campionato bastante duro, porque cada vez son máis competidores e é máis esixente. Pero de momento o traballo vai dando os seus froitos e trataremos de seguir nesta liña nos próximos anos para acadar o gran soño que é Tokio 2020”.

O curriculum de Alex Vidal é espectacular con catro campionatos do mundo (2012, 2013, 2014 e 2017) e dous campionatos de Europa (2015 e 2016).

Comentarios