Álex Vidal participará nun stage da selección de Parataekwondo en Murcia

0
Álex Vidal

 

Pouco a pouco parece que imos recuperando a normalidade. O noso Alex Vidal vai ser un dos primeiros en participar nun stage cos seus compañeiros da selección española de parataekwondo. Esta concentración celebrarase do 1 ao 16 de xullo en Murcia, xusto antes do parón de verán, co obxectivo de ver como se atopan os deportistas despois do confinamento pola crise sanitaria provocada polo COVID-19.

Alex contounos que levou bastante ben o confinamento: «O Comité Paralímpico Español envioume unha bici de spinning e ademais puiden coller material no club, de forma que tiña unha rutina marcada e facía unha dobre sesión de traballo todos os días para manter a forma». O noso campión chanceou sinalando que «o día máis complicado era o domingo, que non tiña que adestrar e se me facía un pouco longo».

O deportista do Natural Sport Riveira xa tiña no seu poder a praza para os Xogos Paralímpicos de Tokyo, os primeiros nos que o noso deporte formaba parte do calendario. A súa praza foi confirmada de forma oficial no mes de xaneiro e esa praza mantense. Agora, co aprazamento dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos e a suspensión de toda a competición haberá que realizar unha nova planificación. Así nolo conta Alex: «Ao pospoñerse os Xogos, cambiamos toda a planificación. Agora o obxectivo é manter a forma e cando saibamos algunhas datas de campionatos, iremos preparando unha planificación específica».