Álex Vidal despediuse dos Xogos loitando ata o final

O deportista de Ribeira resentiuse da súa lesión no segundo asalto do primeiro combate e iso veuse reflectido no marcador. Aínda así, quixo disputar a repesca e foi infiltrado.

0

A Coruña, 3 de setembro de 2021. Alex Vidal (Natural Sport Ribeira) é un loitador e por iso quixo despedirse dos Xogos Paralímpicos de Tokyo no tapiz. A pesar dos problemas físicos ao resentirse da lesión no xeonllo, non pasou pola súa cabeza retirarse e preferiu disputar a repesca e competir infiltrado.

Hai que recordar que Alex Vidal rompeu o ligamento cruzado do xeonllo da perna dereita hai catro meses. Ante a proximidade dos Xogos decidiu optar por un tratamento conservador e fortalecer esa musculatura para protexer o xeonllo danado. Ademais, Alex competía nunha categoría superior á súa polo que a maior parte dos seus contrincantes tiñan una minusvalía menor. Pero o galego estaba disposto a loitar ata o final e iso foi o que fixo en Tokyo.

Alex comezou a súa competición ante o exipcio Mohamed Elzayat e o galego empezou mandando no marcador, ata que no segundo asalto, tras un intercambio de golpes, ao apoiar a perna notou que o xeonllo fallaba e aí remataron as opcións do noso deportista. Xa non podía moverse apenas e o exipcio tivo o camiño libre neste terceiro asalto para remontar e acadar o triunfo.

A repesca para seguir adiante nos Xogos era contra o mongol Bolor Erdene e a pesar da dificultade, pola cabeza de Alex non paso a retirada.

Así que decidiu infiltrarse e saír ao tapiz e despedirse dos Xogos como sabe, competindo e valente ata o final. Ao remate da súa participación Alex estaba satisfeito “porque puiden terminar enriba dun tapiz e non retirarme. Hai catro meses, cando me rompín o ligamento, só pensaba en poder chegar, o logramos facelo e ser un pouco competitivos”, e triste “porque non puiden dar o mellor de min”.