Aida Valiño e Samuel Blanco dominan o Campionato de Galicia de contra o reloxo

0
Fotos: Miguel Borrás Vigo

Dous corredores elite reinaron no Campionato de Galicia de Contra o Reloxo Individual (CRI) – Copa Deputación de Ourense disputado este luns na vila termal de Baños de Molgas. Aida Valiño (Máster da Louriña) marcou o mellor rexistro entre as mulleres e Samuel Blanco (Supermercados Froiz), nos homes. Outros catorce ciclistas fixéronse cos títulos autonómicos das súas categorías na cita organizada polo Club Ciclista ADO Moure e que reuniu a preto de 300 participantes.

Defendendo a coroa elite, Blanco marcou o tempo máis rápido da xornada. O redondelán do Supermercados Froiz percorreu os 13 quilómetros con inicio e final nos Milagres do Medo en 17 minutos e 10 segundos. O actual campión de España de fondo en estrada bateu na súa categoría por 1:08 a Aser Estévez (Oiense) e por 1:13, a Roberto Mediero (Máster da Louriña).

O segundo mellor rexistro entre os homes estableceuno Adrián Barros (Supermercados Froiz). O ciclista vigués logrou o ouro sub23 cun tempo de 17:49 e o seu equipo copou o podio con Aarón Mariño ocupando a segunda praza e Abel Franco selando o triplete da formación alimenticia.

Entre as mulleres Valiño non deu opción ao resto de corredoras. A lucense do Máster da Louriña venceu cun crono de 19:36, arrebatando a coroa elite por 1:33 de diferenza a María Jesús Barros (Spol). Barca Toba (Farto-Aguas do Paraño) rematou terceira na categoría raíña feminina.

O título sub23 non se lle escapou á gran favorita Carla Fernández (Río Miera). A viguesa tivo como principal adversaria a Zaida González (O Rosal), mentres que na pugna polo bronce impúxose Paula Faraldo (Vigués).

 

Juniors e cadetes

Unha das categorías máis igualadas foi a júnior masculina. Gianni Iannelli (Il Piccolo) rebaixou en 6 segundos o tempo de Martín Rey (Aluminios Cortizo) e en 9” o de Raúl Casalderrey (Farto-Aguas do Paraño). Pola súa banda, Sabela Rey (Farto-Aguas do Paraño) triunfou con solvencia nas juniors por diante da súa compañeira de equipo Claudia García e de Laura Teniente (Aluminios Cortizo).

A competición cadete tivo como dominador a Iago Carou (Barbanza), que estivo escoltado no podio por Iván Fernández (Bici Verde) e Roberto Pereira (Avanza-O Porriño), segundo e terceiro respectivamente. A proba feminina cadete resolveuse cun dobrete do Cambre. A vitoria foi para Sonia Domínguez e o segundo posto, para Sofía Álvarez. Laura Mira (Il Piccolo) concluíu terceira.

 

Másters

Dous dos seus títulos masters que se puxeron en xogo quedaron nas vitrinas do club anfitrión. O ADO Moure obtivo o campionato máster-50 grazas a Alfonso Fernández, con José María Tajes (Quintena) na segunda praza e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) terceiro, e nos máster-60 Ernesto Suárez superou a Manuel Prieto (Norinver) e a Julio Fernández (Bicis Oliveira).

 Nos máster-30 Samuel García (Norinver) privou da vitoria ao Chantadino, que contou con Iago Alonso como segundo clasificado e con Daniel Guerreiro no terceiro chanzo do podio. En canto aos máster-40, Faustino Puga (Bicis Oliveira) adxudicouse o primeiro posto mellorando os rexistros de Iván Vidal (Máster da Louriña) e de Marcos Mayo (BTT O Treito).

As dúas categorías femininas de masters que se celebraron no circuito ourensán cambiaron de campioas respecto ao 2019.  Liza Caballero (Team Cabañas) subiu ao chanzo máis alto do caixón nas máster-40, con Montserrat Martínez (Oiense) colgándose a medalla de prata e Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas), a de bronce. A clasificación máster-40 tivo como primeira clasificada a Natalia Raña (Corbelo), con Cristina Molina (Vigués) segunda e Mónica Alarcón (Máster da Louriña) terceira.

Neste primeiro campionato de Galicia do 2020 tamén rodaron os paraciclistas Iván Montero e Mila López. Os dous corredores do Riazor aproveitaron para preparar a súa participación no Campionato de España de Ciclismo Adaptado que se disputará o vindeiro mes de novembro, e recolleron os seus maillots de campións autonómicos. A cerimonia de entrega de premios contou coa presenza de Xaime Iglesias, alcalde de Baños de Molgas; Carlos Moure, presidente do club organizador; e Óscar Sánchez, directivo da Federación Galega de Ciclismo.