Aberto o prazo para inscribirse na marcha cicloturista “Clásica A Ribeira Sacra” que organiza o Inorde

A partir de hoxe, ás 18.00 horas, os afeccionados ao cicloturismo poderán anotarse para gozar desta primeira edición que, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, levará aos participantes ao corazón da Ribeira Sacra

0

Ourense, 14 de abril de 2021.- O Inorde organiza, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a primeira marcha cicloturista “Clásica A Ribeira Sacra”, que desde hoxe mércores, a partir das 18.00 horas, abre o seu prazo de inscricións para que os afeccionados ao cicloturismo poidan gozar da beleza paisaxística que ofrece o corazón da Ribeira Sacra. Esta primeira edición pretende apoiar tamén a candidatura da Ribeira Sacra para que sexa declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO.

O evento deportivo, que percorrerá os municipios de Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Parada de Sil, Montederramo e A Teixeira, ofrece aos participantes tres posibles percorridos para poder adaptala a todos os públicos: Gran Fondo de 115 quilómetros e +2700 metros de desnivel; medio fondo de 100 quilómetros e +2200 metros de desnivel; e o mini fondo de 65 quilómetros e +1400 metros de desnivel. Esta proba, de carácter non competitivo, terá lugar o día 12 de setembro, sendo a saída da mesma ás 9.30 horas, na localidade de Luintra, no Concello de Nogueira de Ramuín.

O tráfico estará controlado, pero aberto, polo que os participantes deberán respectar as normas vixentes de circulación. Ademais, durante toda a marcha cicloturista deberán circular polo carril dereito.

“Clásica A Ribeira Sacra” conta cun tramo cronometrado con circulación libre que incluirá a última subida, con ramplas do 24%. Así mesmo, os tres primeiros de dito tramo recibirán un premio especial.

Os interesados en participar poderán inscribirse ata cubrir as 400 prazas ofertadas a través da páxina web: www.aribeirasacra.com. Para as 100 primeiras prazas hai unha promoción de 39 euros que inclúe maillot técnico personalizado do evento, comida ao remate, cronometraxe e servizo mecánico no evento e gozar do patrimonio natural que ofrece a Ribeira Sacra.

O vídeo de lanzamento presentarase nas redes sociais a partir das 18.00 horas e estará protagonizado polo ciclista profesional de Xinzo de Limia, Carlos Canal (BH BURGOS).