Abel Antón padriño da 4ª edición da carreira «Desafío 42-Ourense Termal»

0

 

A Deputación de Ourense promove a cuarta edición da carreira «Desafío 42-Ourense Termal», unha competición que aúna turismo e deporte nunha carreira de 42 quilómetros dividida en tres probas que este ano se celebrarán nos termos municipais de Coles, Pereiro de Aguiar e Ourense, e que converterán á provincia de Ourense, os vindeiros días 20 e 21 de maio, na capital do atletismo popular. A proba presentouse esta mañá na contorna termal de Outariz, na capital ourensá, e contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do ex campión do mundo de maratón, Abel Antón; do director de «Desafío 42», Serafín Martínez; do concelleiro de Deportes de Ourense, Mario Guede; do tenente de alcalde de Pereiro de Aguiar, Manuel Doval; do alcalde de Coles, Manuel Rodríguez; e das representantes de Banco Mediolanum e Renault Luis Aragonés.

O vicepresidente do goberno provincial destacou que esta proba, «ademais do atletismo, pon en valor a riqueza termal que posúe a nosa provincia aglutinando nun mesmo evento deporte, turismo e termalismo». Asemade, Rosendo Fernández salientou a importancia da cooperación público e privada para levar a cabo probas desta deportivas como esta que xa estivo en dez localidades da provincia: Ourense, Ribadavia, Luintra, Xinzo, Carballiño, Celanova, Maceda, Allariz, Coles e Pereiro de Aguiar, porque queremos chegar a todas as partes da provincia de Ourense e facer, entre todos, máis Ourense, levando ao termalismo por bandeira».

Pola súa parte, o dobre campión do mundo de maratón, Abel Antón, padriño desta cuarta edición, asegurou que participará nesta proba «Desafío 42-Ourense Termal». Ademais, o ex campión do mundo de maratón ofreceu na tarde do mércores unha charla-coloquio no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense, na que falou de deporte e da súa traxectoria.

O Desafío comezará o vindeiro sábado, 20 de maio, ás 16.00 horas, coa media maratón de Coles e, ás 21.15 horas, a competición trasladarase ao Concello de Pereiro de Aguiar, onde se disputará a segunda etapa, a «6k Sunset Encoro de Cachamuíña». Ao día seguinte, 21 de maio, a partir das 11.00 horas, celebrarase a 15k Ourense-Banco Mediolanum, cun percorrido polas rúas da capital e polas beiras do río Miño. Asemade, os máis cativos poderán gozar nas tres localidades de carreiras infantís gratuítas, dirixidas a nenos e nenas de ata 14 anos, «cun premio de 120 euros en material deportivo para o colexio que inscriba a máis alumnos en cada categoría», dixo Serafín Martínez.

Os interesados en participar poderán inscribirse na web www.championchipnorte.com ata o vindeiro día 17 de maio, e poderán disputar as tres probas ou só unha delas optando, neste último caso, só a clasificación individual de carreira. Ademais haberá unha clasificación xeral na que se incluirán a todos aqueles que completen todo o percorrido e unha clasificación por equipos para os participantes que se anoten en grupos mixtos de tres persoas, representando ao equipo, en cada unha das etapas, un dos integrantes.