A XII andaina e o V trail de Bande convidan a gozar do mellor da natureza da Baixa Limia

0
Presentación da XII andaina de Bande. Asisiten Rosendo Fernández (VicePresidente Deputación), José Antonio Armada (Alcalde de Bande), Xurxo Vázquez (Monitor de Bande) e Ignacio Fernández (Membro do Clube Athlos de OureneI.
  • As probas, de entre 12 e 28 quilómetros de percorrido, organizadas pola Deputación de Ourense e o Concello de Bande, celebraranse o domingo 4 de agosto e teñen carácter solidario, en favor do deportista de parabadminton, Ignacio Fernández, subcampión de España.

O municipio de Bande acolle o domingo 4 de agosto a celebración da XII andaina e o V trail de Bande, unha proba deportiva organizada pola Deputación de Ourense e o Concello de Bande que se realizará sobre un percorrido de entre 12 e 28 quilómetros, dependendo da modalidade escollida polos participantes. O acto de presentación tivo lugar hoxe no Pazo Provincial e contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do alcalde de Bande, José Antonio Armada; do monitor deportivo de Bande, Xurxo Vázquez, e do membro do Club Athlos de Ourense, Ignacio Fernández.

“Unha proba para gozar do mellor da natureza da Baixa Limia”, dixo Rosendo Fernández, destacando que esta proba atlética “é xa unha referencia do verán deportivo da provincia de Ourense e ten como obxectivo dinamizar o territorio e servir de punto de encontro para deportistas e visitantes, e todo o que sexa potenciar o noso rural é un labor que sempre contará co apoio da Deputación de Ourense”, expresou o vicepresidente.

Nesta liña, o alcalde de Bande salientou “o ámbito solidario da proba para aportar o noso apoio a todo un exemplo deportivo e de superación como é Ignacio Fernández, subcampión de España de parabadminton”, dixo José Antonio Armada, quen remarcou que a andaina e o trail “son tamén unha oportunidade para que os visitantes se acheguen a Bande para gozar da nosa gastronomía e dun día de lecer en contacto coa natureza”.

Xurxo Vázquez explicou os detalles técnicos da proba, da que afirmou que ten “un percorrido espectacular, pois discorrerá entre muíños centenarios, ríos e sendeiros en sombra; e dependendo da modalidade na que se participe haberá subidas ata os 1.100 metros desde os 700 no que se atopa o municipio de Bande”.

Os organizadores establecen un límite de inscricións de 400 deportistas, cuns prezos de 12 euros para participar na andaina e de 15 euros para o trail. As inscricións poden realizarse na Casa do Concello de Bande ou na web http://championchipnorte.com, ata o 31 de xullo. Poden participar maiores de idade ou xóvenes maiores de 16 anos con autorización dos seus pais e titores. A andaina, de carácter solidario, é en favor do Club Badminton Athlos Ourense, en concreto, a prol do deportista Ignacio Fernández e do deporte adaptado parabadminton.

As probas desenvolveranse o domingo 4 de agosto, a partir das 9.00 horas, con saída e chegada ao mercado do Xurés, tendo as andainas uns percorridos de 12 quilómetros (andaina curta) e 16 quilómetros (andaina longa), mentres que o trail curto é de 16,5 quilómetros e o longo de 28 quilómetros, con zona de intercambio de relevos. A proba establece as categorías de Senior (menor de 36 anos), veteranos, parellas (femininas, masculinas e mixtas) e parellas por relevos.

Ademais dos trofeos para os gañadores, a organización obsequiará con camisetas aos trescentos primeiros inscritos na proba, e haberá avituallamento para todos os participantes, ademais de sorteos de material deportivo.

Nota de prensa de la Deputación de Ourense